Pasei uns días enlamada na nobre arte da sinestesia, cun artigo por encargo sobre O soño dunha noite de verán, a de Shakes e a de Mendels [con posmoderna confianza], e por iso e porque é primavera e á xente que te cruzas pola rúa vela como se fose a primeira vez que a ves [en moitos casos así é, pero quero que me entendan: como se fose a primeira vez que ves unha criatura humana] síntome de eufórico malhumor.
A sinestesia e as súas pontes mentais similares ás dunha metáfora ou un prexuízo. Baixo a tapa do cranio. Sinestesias. Sen anestesias. Soles que arrecenden a todo volume. Olladas especiadas. Un silenzo puntiagudo. O tacto da insensatez.
Cada decisión, cada pensamento, cada pulsión envoltos nunha nube de pole.
Non se perdan este vídeo manufeito por algún cachondo mental en youtube: o tema é un temazo [é Mogwai: temazos] e o vídeo é un cazo [Tommy Seebach e a súa banda facendo o Apache nos 70]. Pero o resultado cutre-kitsch ten o seu aquel.
Dan ganas de saír a camiñar baixo o sol ou a cometer crimes de lesa maxestade.