
panacea
O orfidal nas perdices hai tempo que o inxecta,
Cincenta.
Non hai nada como isto, non.
Cun tic na lingua, Brancaneves -os ollos vermellos
redondas mazás red winter–
fisga entre cortinas a chegada do camello
e un sabor a quark rube polo seu rubor arriba.
Pero non hai nada como isto.
Oh. Non.
Os receptores de dopamina de Aurora, a bela Aurora,
aletargan baixo o peso específico da olanzapina.
Ou iso di o seu médico, vestidiño de azul.
Aurora, a bela Aurora, esborralla en calquera pantalla
deixa caer os seus brazos ata o mediodía.
Silentes coma medusas
os seus intestinos removen un Rohipnol e ela sente
no seu narcótico dosel sen pulso apenas,
que non hai nada como isto, que non. Que non.
Sen sorte Lazarillo -adicto ao crack- esmola un maravedí
ao seu Anónimo. Unha arañeira de desgusto
tece a xeada ao redor do noso tórax neno.
A éxtase de Hans Christian, a Barbie barbital
irmáns Grimm de metaanfetas, ditándovos frases
mutuamente.
Empézannos a fartar
a fraca Rapunzel e os seus sales de litio
a Raíña das Neves e o seu cristal sucio
o príncipe Sapo abarrotado de pastis.
Non hai nada como isto, é un croar.
Queremos pechar o libro, despavoridas as branquias, pechalas
como se pecharía un bosque se a choiva o conmovese.
O lobo bocexa en Lobios e o seu alento non apesta a avoa seca
senón a codeína. Amorfinado na súa dor de non ser lobo
o lobo lobisca, cabecea, traba nunha pata
e non oubea de pesar porque non sabe cómo.
Ulisca
que non hai nada como isto, que non,
e ante el
Carrapuchiña.
Incomprensiblemente Carrapuchiña.
A piques da idiotez fermosa.
As fazulas sonrosadas
o corpo neno.
Cristalina nas súas pupilas
non rehabilitadas, nunca afundidas.
Limpa como a primeira vez que a viu.
Moito antes
de perseguirse
á sombra das neuronas.
Nada como isto. Non.
Estíbaliz…Espinosa, 2011
http://www.elpais.com/articulo/portada/guerra/PJ/Harvey/elpepisupep3/20110128elptenpor_2/Tes
Merci. Pero polo título parece que esta [formidable] músico [?] vai facer a guerra contra a política de guerra.
Curioso non deixa de ser.
ah, a palabra música. Eu empregaría “música” neste caso. É máis, levo un tempo procurando introducir a palabra música no meu discurso convencional co seu significado adxectivo primeiro, isto é, derivada da musa. Un vestido, por exemplo, pode ser músico. E unha tarde, tamén pode ser música. Unha mirada, un rostro. E hai músicas moi pouco músicas. O museo das musas da música, título para algo. Hai museos sen musas e musas sen música. Decadencia de occidente. E, sobre todo, hai moitos museos sen música. E moitas músicas sen museo…
Ah órfico Orfidal,
lorazepán para os amigos.