anatema de Grey

if I only had a heart

Coa súa fasquía de charlatán vendedor de crecepelo, unha especie de Matusalén stylish e un impecable e pouco alegable discurso de erudito de Cambridge, o xerontólogo e biomédico da Bretaña Grande [UK] Aubrey de Grey – con nome de cabaleiro do Santo Grial, por se fose pouco- dános a desconcertante nova de que nos é factible vivir 1000 anos.

Vouno poñer en letra tamén, por se é que comeron un cero: …ntante nova de que nos é factible vivir MIL anos.

Desconcerten comigo. Porque desconcertante, o que se di xenuinamente desconcertante, non me van negar que o é.

Somos ingratos. Desconcertante nova? Quer dicir, que tantas e tantas quêtes tras fontes da vida, elixires de mocidade, sangues frescos de doncela transilvana, babas de caracol, máquinas do tempo, buracos de verme, xenomas e taxidermias… e agora que parecemos ficar ás portas dunha vida milenaria só se nos ocorre desconcertarnos?

Unha parte non desprezable da arte do século XX estivo fundamentada no desasosego. O livro do desassossego, de Pessoa, é un dos cimos non só da literatura do soño e da inacción, intimista, dietaria, senón tamén da titulística mundial. O livro do desassossego foi o que estivemos lendo boa parte do século do desasosego, mesmo quen nunca o tivo entre as mans. Desassossego. Pessoa. Todos os eses do abismo sibilante, serpeante, en certa maneira sosegante, que xogamos a esquivar.

Agora alguén xoga, se non a esquivar ese abismo, si a tomarlle o pelo. Tomarllo durante 920 anos máis dos 80 que pode chegar a vivir de media a porción privilexiada da poboación actual. Aos andorráns pode que 917 anos non lles pareza moito [esperanza de vida en Andorra: 83 anos] pero aos suazis 967 anos máis seica lles dea unha pouca vertixe [esperanza de vida en Swazilandia e Botswana: 33 anos]. Fonte: wikipedia.

Mil anos. Quen o diría. Cifra redonda.

As preguntas que xorden arrandéanse quer na inxenuidade, quer na angustia. Que imos facer todo ese tempo? E as pensións? É dicir, deses mil anos, cantos corresponden ao cobro dunha pensión? Como será a nosa saúde? Canto tempo imos traballar? Durante canto seremos nenas? E adolescentes? Soportaranos a terra? Ou, como xa se deixa intuir nalgúns documentais de canles sensacionalistas, a aldea global suicidarase con todos nós dentro, simulando un choque cun asteroide?

E a cantos billóns de persoas ascendería a poboación mundial se ninguén dá finado? O «hai que ir morrendo» sería saúdo habitual?

Aumentarían os suicidios?

Habería esquecementos periódicos de detalles da nosa propia vida? Digo, para sobrevivir.

A monogamia? Darálles riso aos milenarios?

Cantas veces poderiamos cambiar de sexo, de identidade, de patria, de cara… ao longo deses mil anos?

Paro xa. Isto dá para moito. En vez de bailar na punta do pé con semellante noticia, xa ven, algunhas somos tan parvas que bailamos na punta da incerteza.

Mil anos de políticos succionando da teta que eles mesmos lexislaron aproveitando que pasaban por alí. Mil anos de hipotecas e seguros superfluos. Mil anos viaxando en low cost. Mil anos de arquivos fotográficos familiares. Mil anos twitteando. Mil anos de mileurismo. Mil de supercherías milenaristas. Mil anos escribindo un poema de tres versos. Mil anos de dereitos de autor.

Non sabe unha se darse ao cava ou ao trankimazín.

One thought on “anatema de Grey

  1. Espero que non che moleste se che digo que me fas rir un mazo tes un humor moi peculiar. Tamén escribes de puta nai pero iso xa estarás máis afeita a escoitalo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: