
Un dos grandes e privilexiados cranios da época encabeza a este humano, elefante indio con pinta de normando de Asterix, elefantiásico el, que non coñece o medo el, que se zampa o saber con marmelada el, e que aos 35 anos escribía este parágrafo conmovedor ao inicio da súa demoledora Crítica da razón cínica [1983]:
Non existe unha filosofía en que a vella man osuda nos saque o cerebro, nos desparafuse o cerebro da cabeza? O soño que persigo é o de ver florecer de novo a esmorecente árbore da filosofía, nunha eclosión sen desencantos, ateigada das estrañas flores do pensamento, vermellas, azuis e brancas, escintilando nas cores do principio, igual que cando, na primixenia luz grega, comezou a theoria e cando, dun xeito incrible e súpeto, como todo o que é claro, o comprender atopou o camiño á súa linguaxe. Somos de feito culturalmente tan antigos como para repetir semellantes experiencias?
Non se deixen levar polo ton helenoorxiástico. O resto do libro é unha somanta neuronal das boas. Por exemplo, páxina 204 da edición española de Taurus -traduzo en diferido-:
9.- O PEIDO
Non podemos obviar o tema. Máis aínda: é inevitable. Síntoo por todos os lectores sensibles, pero o peido non se pode omitir en absoluto.
[…] Resumindo, a semántica do peido é mesmo un problema bastante complicado, demasiado descoidado pola lingüística e a teoría da comunicación.
[…] Acaso podería fomentar a nosa empatía cos políticos o que nós, ao escoitarmos os seus discursos, matinasemos máis a miúdo en que estes posiblemente anden ocupados en reprimir unha ventosidade que podería interromper por uns intres o seu relatorio? En efecto, a arte das vagas formulacións está en relación coa arte dun vento decente: ambas as dúas cousas son diplomacia.
Non é grandioso reducir o estreito funil do que se pode e non se pode dicir en política ao estreito esfínter polo que debe ou non debe pasar un pouco de metano? Ai, Sloterdijk, Sloterdijk, por que non quererías vir a Santiago hai uns meses? Que falta nos facía a túa pata de paquidermo chantándose por catedrais da cultura e cidades de botafumeiro.