Plaxio con este título o nome dun programa de CuacFM que hai uns anos presentaban Juanjo Casteleiro e Sandra G. Rey. Plaxio ou homenaxeo ou simplemente postmoderneo? Pregúntenlle aos avogados de María Kodama, que o teñen claro. Porque eu non.
Sirva este título polo de agora homenaxe -agarden, o título do programa tamén exercía como tal título nunha canción dos Planetas que á súa vez soaba similar en titulística ao Northern Sky de Nick Drake… grazas Sandra!…- para mencionar que dende Cantabria, un ceo do norte pouco sospeitoso, lanzouse hai uns meses unha proposta de poesía: cinco autoras cántabras escollían a outras tantas do resto do país.
O resultado é este libro no que participo, elixida por Marián Bárcena, baixo o coidado editorial de Elda Lavín -directora da colección La mirada creadora– e onda Vanesa Pérez-Sauquillo, Chantal Maillard, Elda Lavín ou Ana Rodríguez de la Robla. Todas mulleres. Non todas do norte. Novas e vellas e a medio cocer. 5×5, velaí- voilà:
Velaquí as miñas traducións a galego dun par de textos de dúas das autoras da escolma:
Centro da terra
Vésea espreguizando amodo:
a couza compracente das horas.
E o espello no que acabas por te ollar.
Brisa. Vento. Pólas irtas.
As follas secas que no seu voo máncante,
rasgan a túa pel, sarxándote a carne
con mestría, para que sintas as mans do inverno.
Ah, ese tremer de neve dorosa e pura
que é o alento xeado dun poema.
E na cándida pantalla unha muller
que se lava os cabelos, mentres morre aos poucos
coa auga, mentres lle agroma a beleza
do seu pelo, daquela auga
que lle escoa caluga abaixo, que lle fende
a testa, que lle rabuña a vida con dozura
como só a auga pode facelo.
Como só un poema- branco e frío- sabe facelo:
esa agulla precisa do intre
no azougue intacto dos anos.
Ana Rodríguez de la Robla. Tradución a galego de Estíbaliz Espinosa
Os anos fabulosos
Permite unha marabilla e serache devolto o imposible.
Afasta a vaidade e chegará o lúcido.
No bordo do mundo un ave ízase ao ceo
do gozo.
Toma a forma da xuventude, a inocencia do neno, a fiestra
do que asoma para ser asombrado.
Amósate, medra: alumeado
por un afán que dure o que a vida.
En rolda de sentimentos que se abren
para deixaren espazo a un aire quedo.
Alza a ollada dende eses ombreiros a soster o ceo.
Co seu silencio que non quere ser pronunciado, virá
un amor sen fisonomía
concreta a bailar no teu peito.
A deriva do mundo
salvará, no que acertes a dicir, a súa tenrura.
As máxicas verdades
tamborilarán nas túas tempas.
O tempo será máxico, e ti nel.
Baixo un instante, e sen sabelo, teralo todo.
A selva feliz que rouba calquera paisaxe anterior.
As ás limpas para mover o que ignoran
deixarán na túa man
as súas follas frescas de orballo.
A aceptación dunha luz que nos acompaña.
O amor é o seu nome.
Trae bens lixeiros. Coma o descoñecido,
sé sopro, o grande substituído cando marches.
Lembra sen dor o ruído da seda nas sabas.
O que foi son de amor. O que antes de durmir
tiveches e, logo, soñaches, e estaba
ao espertar canda ti. O corpo
cobizosamente adorado mentres respiraba
sen saber que o mirabas e o derramabas nos teus ollos e facíalo fluír
polo pensamento da túa man sempre.
A rentes de ti: sen término.
Segue a soñar ata que che alcance a vida.
Vivimos para o mundo. Na súa beleza logra
a beleza que mereces. Pón no seu rostro o teu.
O seu ruído de primavera branca, a súa sombra
do que elixes cando aloumiñas,
o seu don de intre inacabado.
Non inquietes as estrelas, comprende a súa distancia
e bota a andar.
É unha rexión indixente
o amor. Belo, inexacto, precipitado, alegre:
Dálle o teu corazón. Queda co meu.
Marián Bárcena. Tradución a galego de Estíbaliz Espinosa
o imposible só tarda un pouco mais…. ou pode que xa estea aquí dende hai tempo…..
É o entusiasmo que vai dentro dunha. A poesía que vai dentro de todas.
E non é a palabra entusiasmo, senón a linguaxe que relaciona o meu entusiasmo convosco internándovos en min…. coa vosa poesía no meu embigo….
…contéstome a min mesma. A ver se logo envío outro comentario rebatíndome. Sempre coa autoestima ben alta. Como embigo porque sí, e como muller por moitas razóns como o 5×5.
Grazas por compartir
Grazas. Por certo, corrixín a desorde de versos da caixa de texto do wordpress -as caixas de texto non están moi preparadas para tanto intro a cada pouco, parece, o cal é a base da poesía, parece-
Hola, Estíbaliz. Gracias por la traducción que haces de mi poema. Un abrazo.