entrevista para Atlántico Diario

ESTÍBALIZ ESPINOSA, por MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Benquerida Estíbaliz:
Velaquí tes as preguntas para a entrevista que sairá este vindeiro domingo no Atlántico Diario.
Decembro 2011

1.- O amor, como definición posíbel, ten máis física e química que amerada
‘razón’ de fe, Estíbaliz?

Como vou saber eu cousa semellante? Sor Juana Inés de la Cruz sabía máis de amor ca min.

2.- Éche moi difícil definir un acto poético no tránsito cara un novo solsticio
de inverno?

O difícil vai ser non tanto definilo senón visibilizalo no tránsito cara a unha nova estulticia pseudodemocrática [Elecciones Generales, 2011]. Pero aí ampea a expresión humana. Contra as cordas.

3.- A felicidade non pasa de ser un soño tantas veces inalcanzábel…?

Riscos literarios. Son de agradecer.

4.- Fálame dese zoomm, deses textos biónicos, dese tempo que nos
achega e nos alonxa…

Obsesionamos con mirarnos a nós mesmos dende moi preto, dende moi fondo cósmico, dende moi clonados, dende moi criaturas mecánicas, dende moi voyeurs, dende moi libros. Xa se nos pasará. Nada máis é un sarampelo polo mociña e parva que vai aínda a humanidade.

5.- O teu próximo poemario?

Xa vive a súa vida. papel a punto de é unha tradución a castelán do libro homónimo e inédito en galego. Un conxunto de textos vertebrado e estruturado pola ciencia dos materiais que nos rodean, compoñen e descompoñen, dende a materia escura ata a tinta e o papel. E os fluídos, que non falten os fluídos. Fluídos rosas, claroé.

Dende outra perspectiva, trátase dun obxecto de luxo: unha edición única -colección Salamandria de Edicións El Gaviero-, estreitamente vencellada a unha lectura intelixente do libro. O luxo non radica só no mimo do deseño e dos materiais senón tamén en que unha editora –Ana Santos- LEA o que publica con esa sagacidade.

No seu mecanismo interno non é máis ca outra turbulencia de pensamentos na procura dun abismo vivo. Abismo con sarcasmo. Tan cándido no fondo como todos os libros de poemas na Era Twitter.

Euquései. Os libros xa falan por eles mesmos e non se me dá ben a promoción propia, de aí que haxa quen opina que a miña actitude ten algo defectuoso. Se cadra o ten. Haberá quen o sosteña sen lerme en absoluto.

Tampouco os culpo. Escribimos demasiado.

Máis entrevistas se clicas con intriga aquí.

mathew bower

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: