por se algo che quitase o sono

/ de catro a seis /

as insomnes todas quedamos á hora mesma no lugar de sempre
aló canda o cruceiro e unha estrela xigante que disque leva durmida un millón de anos
bendita ela
e ai do día que se esperte

insomnes que fan país no tempo do despaís
aí vou feita unha delas e deliro ás voltas nesta muiñada
de tres a catro e de catro a seis
punto dereito punto revés
volta tos e volta
volta pis e volta
volta como unha batería cargada de antisoños
e esa si que é muiñada
volta voltaire -como mataría o tempo, Voltaire
micromegas polo vento e polo air-
polo de pronto, lívidas de nós amasamos fariña onírica
que leveda, leveda feita pan nesta sabana

as insomnes quedamos xuntas sen nos ver, sen escoitarnos
e é unha pena porque nos faría tanto ben
bailar ou masturbarnos xuntas
votar xuntas rosmar xuntas
man a man
manta a manta
a do 2ª esquerda coa virxe de Compostela
o astrofísico sen emprego coa ascensorista manca
soldadas todas á mesmiña hora da noite
como pezas de bronce tan talán talán
badalada a badalada xunguidas no metal
siderurxias man a man, contables de astros
gong a gong

Cronos abre e Morfeo pecha os nosos ollos
cantábricos perdidos
pestanas de Moisés nun mar vermello
ollos nos que aboia unha estatística do paro
que corremos a mergullar en leite con galletas

e sentímonos tan sós pero tan sós
tan de catro a catro
e non sabemos que se mirasemos para nós dende a órbita de Ío
veriamos que non
que non o estamos
que as nosas soidades coinciden todas unlla a unlla
cos rabuñazos do lobishome        co lóstrego en Orión
a nosa soidade ramifica na forma vertebral do toxo
e tende a infinito.

Sos e moitas e tendidas a infinito

A nosa soidade de muíño nun planeta extinto.
A nosa muiñada de soíños…
Dando voltas, eixe entre eixe
Reviravoltas, ai, de versos luminosos por non acender a luz
xenialidades que disolverán coa raiola primeira, coma vampiros
Dálle que dálle
remoendo callar e libro no estómago dunha vaca ancestral
volvéndolle o sabor á boca
ás moas coma doas dun rosario sen aurora.

Pero tamén pestanexamos felices e pedaleamos
na bicicleta sen freos deste cosmos provinciano
coas catarinas cara á marchas máis curtas
ata que as rodas rozan radiantes fases REM.

Xogamos ás cartas: ás que nunca enviaremos. Barallamos
dados escritos co destino
que trampeamos con átomos do azar que o muta todo
desescribimos con paciencia-ficción os ADN
os DNI, os DRM e séculos de siglas enredadas.
Desentrañamos catro abismos para ler nas súas entrañas de animais
fecundos
o espertas
que aínda estamos.

Pensamos en nós mesmas descosendo o nó de ser nós mesmas
en facturas da luz a plena escuridade
mmmonologamos presocráticamente coas persianas
nictálopes ou algoasí
matinamos
en beixos ou puñadas que dariamos pero que nunca daremos
e en como os daríamos e con que ángulo exacto
como as perfectas descoñecidas de nós mesmas
que está ben claro que somos
Mimamos o detalle do imposible
porque sermos imperfectas e non
e non durmimos e non
non lembraremos
o segredo final do universo
aberto de pernas para nós
aberto
como un ceo aberto como un
cerebro ou un libro que se abre
e algo nos quer dicir
e tanto nos quer dicir
dizer dicir dizer dicir
dizer diz
zzzzzzzzzzzzzzzzzzzzz

febreiro, 2012

2 pensamentos sobre “por se algo che quitase o sono

  1. Teño q reler o poema, pero q identificada me sentín. Cando non durmo pásame todo iso. E sinto o cansazo q semella transmitir a expresión. Ese cansazo q provoca dor de cabeza. E voltas… Gustoume.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: