Malia que o significado orixinal das bonecas xaponesas kokeshi non está aínda moi claro – quizais Dores Tembrás nos saque das tebras, xa que ela posúe unha estupenda colección de variados tamaños e formas – atopo nunha pasaxe de “En el mismo barco”, nano-ensaio de Peter Sloterdijk publicado en 1993, o seguinte entretecido de historias e conxecturas sobre paleopolítica e bonecas folklóricas famosas:
Francamente: podería dicirse que toda a “historia” foi, no seu sentido máis estrito, a historia das manipulacións do campo nai-fillo. Logo do xa dito, é evidente que no ámbito do paleopolítico mantense un matriarcado (de arkhé) psíquico que se fai respectar en canto poder sobre o limitado ressource do amor materno. Que o descubrimento do tráxico non foi un privilexio da cultura superior como tampouco o foron o descubrimento do alén e o da transmisión do potencial cultural, senón que o tráxico está fundado na administración paleopolítica de bens escasos, é algo que pode inferirse lembrando unha historia contada á poetisa xaponesa Yoko Tawada pola súa avoa.
Hai moito tempo, cando os homes aínda sufrían unha extrema pobreza,ás veces podía suceder que as mulleres matasen, nada máis nacer, a aqueles fillos seus xunto aos que, doutro xeito, terían morto de fame. Por cada meniño morto fabricábase un kokeshi que significa “facer desaparecer un neno”, para que os homes xamais esquecesen que sobreviviran a costa daqueles cativos.
Yoko Tawada conecta esta historia coa conxectura de que a famosa matrioshka, boneca na boneca, convertida no século XIX no xoguete preferido dos rusos, era unha réplica da kokeshi xaponesa. Se esiximos a unha sociedade, antes de que lle conceder o predicado político, o deber de presentar un opus commune e unha actividade directiva, as antigas hordas humanas haberían ser caracterizadas como radicalmente prepolíticas, porque non se recoñece dentro delas ningunha tarefa común, amais da da súa autorreposición, nin é perceptible actividade directiva algunha no seu silandeiro deixarse levar pola corrente da evolución; pero en canto se esculca por dentro, xustamente a arte dunha comunidade humana de repetirse nas seguintes xeracións é un proxecto esencialmente político, e ese fuxir da pequena balsa social na corrente dos tempos xa contén, en si mesmo, elementos de pilotaxe: abonda con entender o privilexio matriarcal da morte dos meniños como unha forma intuitiva de política de emigración, as regulamentacións matrimoniais como unha especie de política exterior da horda e os costumes de caza como unha forma de política ecolóxica primaria. Así que paleopolítica vén ser a arte do posible en pequenas proporcións, a arte de manterse pequeno polo ben máis alto, polo amor á vida animada.
Peter Sloterdijk
Tradución diferida do castelán E…E Río
Nota: As negriñas son miñas.
