máis sangue, por favor

Outro dos posibles textos para a antoloxía do sangue, compilada por Luna Miguel [Sangrantes]:

/período. inesperada forma de pera/

Podo aínda falar da épica de min cunha pinga de sangue a fumegar no chan do baño? Podemos?

Que saibades logo
que no século XVIII saímos a cortar maionesas por aí
Lembro un xoves do ano 15: mergullamos na auga chea de limóns
espremémolos nos peitos
e logo os chuchamos sen un mal xesto
E aínda lembro coma se fose onte aquela tarde do futuro, a nos lavar o pelo con furia de medusa, a gargallada limpa o noso alento encol dos toxos

Que delicioso o bicho que rabuñou a nosa cona bebido nun vaso gutural de leite
pintadas de vermello,  nalgún dos hemisferios
A Eva mitocondrial a agarrarse unha chea comigo
e douscentos mil anos de nada correndo como loucas

E iso que imos xa tan lonxe das nenas. Eu tanto como vós. Eu que fun unha. Tan calquera como a que máis
Só unha de cada dez neuronas da miña nena lidou coa adolescente e a moza que logo fun. Decatádesvos? Parézome a ela de casualidade

Dese colar de contas que nunca parecen saldarse
das cápsulas estreladas en auga de váter e follas de vide
da miña caverna chea de uvas tintas de Maruja Mallo
ese lento e importuno goteo
o goteo que ninguén quere
ese do que nos desfaremos con dificultade cando chegue a hora
Goteo de clase A, de serie B, de punto O. Goteo AB en trazos de sumi-e
Goteo ululante
até a cima loba do acio
Cumulus a punto na corona radiata, citoplasmas escarvados
a petróglifo limpo: todos desfaranse como bágoas
na ducha
A nosa vendima privada de civilizacións perdidas
de nenas sabias que nos chiscarían cos teus ollos de vaca vianesa
se nos fertilizaras por entón, ho
e van e acaban en apoptose ou abrazadas a un tampax
dun bar de gasolineira

Somos un noxo. Cheiramos mal. E baleirámonos feitas un universo inflacionario
petiscado por galiñas que están fatal da cabeza
E sáesenos o desexo en forma de grans ermitáns
E agora ía desovar un verso
pero non escribo máis nada
porque non me peta nin me dá a gana e debo deprimirme
por imperativo categórico e chorar contra almofadóns de pluma de oca

Pero que pasa se deprimirnos tampouco nos dá a gana
Que pasa se me suicido calquera outro día e non hoxe
non hoxe, con ese gameto -que levaba o meu nariz, o noso vulto lóbulo frontal- esmagado contra as lousas

Épica da regra:
un millón de ovos ao nacermos
seica un estrago de vida
Cánto “non vaia ser o demo” embutido no noso abdome
uva a uva
tabú a tabú
tabula rasa en corpos que non esquecen

E agora que ía escribir un verso máis, o mellor sen dúbida,
vou e calo, de impureza chea
porque non me dá a gana “nestes días do mes”
nos que non teño a regra e escribo isto
devecendo por que nos baixe dunha vez e a todas á vez
-sincronizadas e uliscadas, feromonas vestidas de seda
unha cousa mundial, premenstrual e peluda-.
E fun mala. E desobediente. E moitos bicos.

E… E Río, 2012

Acio de uvas, de Maruja Mallo

One thought on “máis sangue, por favor

  1. Pingback: sangrantes | …mmmm…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s