Os excesos metaliterarios, antes de dar o chimpo a outra era literaria máis ascética e pseudoanalfabeta -todo isto son conxecturas miñas- paren poemas coma este, hibridando o noso estar-no-mundo co noso manter-unha-biblioteca e, sobre todo, o noso relacionarnos cos demais a través de libros.
/monogamias sucesivas en andeis de ikea/
Que ben quedarían os meus tolstois entre os teus dostoievskis
petrificados no xeo do andel central, xusto antes
de fundírense en campos de nabokovs
ferventes de bakunins.
Os meus coetzees axexaríannos en silencio -madeira que renxe un pouco-
antes de que os teus millers chimparan ao chan á mantenta
só por desconcentrar as miñas ajmátovas.
A woolf de min viría uliscar a túa man
a túa man cunqueirá
e foderiamos modo pedante, citando a cegas
e logo separariamos rebolándonos colettes á cabeza
bebéndonos desgrazados gin-hemingways en bares pound de vila-matas
moebius e cun aquel de marcoaurelios
e sábese que volveriamos ser felices clandestinamente
cun lispector agochado baixo a gabardina
disposto a se enfrontar a todos os teus mailers
en tarxetas de memoria kingston para tripas electrónicas.
Manuelantonios racheando a súa celulosa para procrear en tinta pizarnik.
Ante o meu pezón sen lentes un sagan, tombado boca arriba baixo o teito celeste
e benjamins devorados por tisanuros e avelaíñas da túa casa no campo.
E qué sería do enigma do libro
que con só moverse tres milímetros
na parede abre un pasadizo até a cripta dos teus poes
liados cos meus vernes.
Lovecraftados con pesar, vai ser que con vergoña
de termos acortazarado sen medida nin cernuda. Rulfos
que fan que non se coñecen
no beckett sen ende desta vida.
Traga os teus pynchons que xa eu me inxecto as jaeggy directas en vea.
Vellísimas magdalenas enchoupadas en flauberts e todo aristóteles nifrado de cervantes até o códax.
Os nosos respectivos gatos non esperaban bocexar de novo entre safos e catulos, soñaban ser michaux en asia, si, pero non isto.
Malia que ás veces as túas biografías de bolívar poidan sorrirme un pouco
o certo é que se han esquecer todas e cada unha das agotas. E as munro e os valles,
un a un.
Mentres, nas billy baleiras fumega a bosta ao fresco de tanta vaca sagrada
e triste, ao fondo na cociña, un caldo de centola gógol que non se come ninguén.
As frases empezadas para min acabarán en frases para outra
que serán o principio da frase doutra máis
e o mesmo os meus pessoas lombo a lombo con outros sabedeusqué e atecándo.
Pero por todos os rimbauds do mundo
deixemos xa de desautorizarnos.
Que arda Alexandría engabetada en alexandrinos.
Que ardan hordas de papel ou babel. Tinta defunta.
Que arda o bosque das Ardenas, a ardora no mar de Fóra.
Personaxes e os seus caracteres derretidos polo lume, frases inmortais
reducidas a cinza chovida. E naves. As famosas naves.
Que ben lle senta esquecer a tanta tinta. Ata que aparecen uns dickens
repentinos ao dobrar a esquina
cargados de novo con papeis.
E as follas da miña rosalía pásanse soas
en autoplay unhas.
E outras saen voando
E…E. Río
One thought on “monogamias sucesivas en andeis de ikea”