lingua sobrenatural

:: lingua sobrenatural ::

se abres unha mazá
se lle partes o corazón no medio
cun corte crocante
dos que desprenden olor
un cheiro rubio profundo por un silencio
a clorofila

se abres a mazá así entre as túas mans
de primate
esas mans que non coñezo e adoro de antemán

se cortas | a mazá | polo seu | eixo imaxinario | de mazá
o seu ecuador de mazá /a súa traxectoria dividida en dous/
no aire introvertido sobre a cabeza dun newton que toquea
dun fillo de guillermo tell cunha espiñada
se abres a mazá de turing
a mazá madrasta
a mazá mordida cun xersei de arco iris

se abres as mazás máis mazás de todas as mazás
e todas as mazás do mundo
ácidas e nucleicas
as camoesas que xamais probei
a de paris volto hespéride
ese mozo louco con roupa de muller
mazá travestida
con marcas de dentes e unha drupa fértil
até a voracidade

se o fas

se o fas

mete a lingua na estrela de cinco puntas que rodea o poema

la pomme
la pomme fatale

pebideiro de estrela
semente de cianuro

ácido azul a eslavar enlaces celulares

mete a lingua no que non se atreven outros
mete a lingua até a dor á fin das mazás en flor

estrélate coa lingua na semente do abismo
é dicir
rompe a falar

rompe a falar dioivo vivo o que unha vez foi escuro
no centro explosivo dunha froita fetal feita na luz

a túa lingua
cara ao sobrenatural

E…E Río 2001-2012

Máis poemas soltos aquí: literatura: esmelga de textos propios

Máis libros descargables en PDF (de poemas e de relatos), aquí:  libros

One thought on “lingua sobrenatural

  1. A lei da gravidade non sempre é inevitable,
    Igual que o mar non é sempre azul
    nin o silencio incómodo.
    Hai animais que voan,
    hainos que nadan,
    que se arrastran,
    e mulleres que camiñan cara ao miúdo,
    onde non hai pegada algunha,
    nin rastro humano
    nin inhumano colonizador de corpos e mentes.

    O espello cara ao sobrenatural
    e dous pes na corda frouxa
    retando á gravidade,
    con sete mil cincocentos latexos de corazón por hora
    que sosteñen o movemento dunha onda en retroceso,
    deixando á vista argazos e moluscos,
    e pedriñas da praia
    lonxevas dabondo para saber
    que unha pegada dura un vento no océano.

    Un paso en falso non sempre significa a morte.
    Inda se pode caer de pé.
    De cu.
    Ou simplemente voar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: