instinto reflexos Marilyn

Máis que de calquera escritora do século XX, máis que de Virginia Woolf, de Clarice Lispector, de Alice Munro, Chus Pato, Joyce Carol Oates, Natalie Angier, Teresa Moure, Luísa Villalta, María Moliner, Anna Ajmátova,  Jeanette Winterson, Marilar Aleixandre, Luisa Castro, Carmen Martín Gaite, Ana Mª Matute ou Ana Romaní… e por non ser exhaustiva aí paro… máis que de calquera delas hai, neste planeta, fotos de Marilyn Monroe lendo.

Se o desocupado lector -e que sinistra soa nestes tempos esa fórmula- quere explorar pola súa conta, probe a teclear Marilyn Monroe reading en imaxes do google. Unha morea de obras literarias inmortalizou nas mans deste ser que, segundo un dos seus homes, o dramaturgo Arthur Miller: “tiña o instinto e os reflexos da poeta, mais carecía do control”.

Guións cinematográficos, revistas e sobre todo libros. Unha das máis sonadas imaxes é esta na que aparece concentrada a ler o Ulysses nunha especie de parque infantil.

marilyn-monroe-reading-ulysses-by-james-joyce
Marilyn Monroe reading Ulysses. By Eve Arnold, 1955

Eve Arnold, fotógrafa da axencia Magnum, tirou esta serie na que campan marabilla e  enigma. A respecto dela, a escritora británica Jeanette Winterson debullounos a seguinte impresión:

«É tan sexy porque se trata, precisamente, de Marilyn lendo o Ulysses de James Joyce. Non ten nin que posar, nin sequera precisamos ver a súa cara, o que emana da foto é unha concentración absoluta, e nada hai tan sexy como a concentración absoluta. Velaí a deusa, sen ter que compracer á audiencia ou ao seu home, tan só viva dentro do libro. A vulnerabilidade está aí, pero tamén algo que non adoitamos ver na loura explosiva; unha sensación de pertenza a si mesma. Non é a combinación playboy de cerebros e tetas o que fai perfecta a esta foto; a cousa é que ler consiste sempre nun acto privado, íntimo, unha conversa de amantes, un lugar de murmurios e salaios, sen normas e habitualmente inadvertido. Somos voyeurs, abofé, mais espreitamos non un momento do corpo, senón un momento da mente. Por unha vez non se nos esixe que ollemos a Marilyn, dásenos a oportunidade de ollar dentro dela.»

Adoro a Marilyn Monroe, por suposto, unha muller cun aquel fractal, mesmerizante. Pode que se tratase da súa comunicación non verbal, ese halo inexplicable que ten a xente, ou se cadra tamén polo retrato que nos regalou Truman Capote [“Unha nena adorable”,  “Una adorable criatura” en Retratos, Anagrama, 1994]; a cuestión é que no me cabe a menor dúbida de que xamais foi unha loura descerebrada. Por iso doe que nos sintamos tentados de manexala, co paso dos anos e o inmutable dos prexuízos, cos aires de suficiencia intelectual de quen non a cre capaz de ler un libro coma o Ulysses. Quizais non o leu, quizais si e tanto ten. O certo é que se achegou a el como se achegou a outros libros, e certo tamén que os quixo con ela nas súas fotografías: quedan demasiadas imaxes similares en moi diversas etapas da súa vida como para que fosen idea dalgún fotógrafo amante das ocorrencias e as aparentes contradicións.

Marilyn_irakurtzen15

En papeis dispersos Marilyn escribiu a man textos, poemas, quizais eses reflexos e instintos que advertira Miller, mais que nunca abandonaron a fase de embrión que non prospera.

No seguinte post, veremos algúns deses textos no seu orixinal manuscrito e na tradución por vez primeira a galego.

marilyn_irakurtzen3

Por certo, Marilyn foi fan de Ella Fitzgerald e empeñou en que a contratase o dono do Mocambo, o maior club da costa oeste, saltándose así a política segregacionista da casa. As consecuencias dese xesto sentaron un precedente na carreira da Fitzgerald:

«Eu debo moito a Marilyn -declararía máis tarde Ella- Logo de cantar no Mocambo, nunca mais se me obrigou a cantar só onde mo permitían. Marilyn era unha muller sorprendente. Moi por diante do seu tempo, é claro. Mais ela iso nunca o soubo.»

A empatía de Marilyn. Ese trazo do carácter que leva a tanta xente vulnerable a se poñer na pel do outro… e, entre outras cousas, a ser actriz ou esborranchar uns papeliños.

Máis dela a seguir…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: