do texto ao téxtil: tradución de Christine Wilks, Fitting the pattern {1}

christine wilks

captura de pantalla de Fitting the pattern, Christine Wilks

Un dos proxectos literarios en rede máis curiosos e fascinantes que atopei, compartino o pasado trimestre durante un curso de Literatura Dixital no Centro Sociocultural Ágora de A Coruña. Fitting the pattern, de Christine Wilks, un ir e vir na debandoira da memoria dunha filla de costureira. Un ir e vir do texto ao tecido, do texto ao téxtil, e unha descuberta dos poemas -ou impresions poéticas- ocultos baixo os patróns que os pais urden para nós. Eses patróns dos que, por grandes ou por cativos,  adoitamos sentirnos desencaixados.

Se cadra tamén unha prolongación desas bufandas e abrigos das nais de César Vallejo e Wislawa Szymborska da entrada anterior neste mesmo blog. Pero aquí cun punto revés na calceta: das proxeccións das nosas nais na roupa coa que nos abrigan á proxección dos seus desexos para nós na roupa que nos cosen.

A literatura dixital brinda obras sorprendentes coma esta pero, ao meu pesar, debo dicir que non é o frecuente, agardo que só polo de agora. Dende hai anos interésame esa hibridación do literario que supón a ferramenta dixital, porén en boa parte dos proxectos doume de fociños cunha fargallada resolta con animacións máis ou menos resultonas que envolven en celofán a mediocridade textual. Sempre agardo máis dos textos, agardo unha verdadeira literatura hibridada coa máquina.

Fitting the pattern non me defraudou, como si o fixeron outros experimentos dixitais ou transmedia. Fóra da obnubilación dos novos palabros -que moito diso hai- e das destrezas pirotécnicas co flash, temos que acabar meténdolle o dente á proteína literaria. De non ser así, pinchamos en óso. Por moi innovador que semelle. E ese coidado pola fluidez literaria do que se conta si se atopa na obra de Christine Wilks.

Por suposto, non dispomos aínda da tradución de Fitting the pattern en castelán nin en portugués nin en galego. De aí que, para os asistentes ao curso, me aventurara a traducilo por vez primeira á nosa lingua. Hoxe penduro aquí a primeira parte do texto, como dicían os vellos bandos, para quen poider interesar.

Se ides á páxina -e é unha recomendación en firme- haberedes utilizar os catro útiles de costura que a autora pón á nosa disposición: as tesoiras, a máquina de coser, os alfinetes e o descosedor. Así que cortade, cosede, cantade, prendede alfinetes e descosede e desencantade coa axuda de cada un dos catro aveños e do rato do ordenador. Hai que fuchicar un chisco na páxina para dar cos poemas agochados. Unha vez completado o texto que ofrece cada acción, aparecerá unha pestana coa frase pick another tool. E podemos… en fin, explorade por vós mesmos.

Se queredes ler a obra enteira e completar así os patróns cómpre darlle catro voltas aos utensilios. Ofrezo a tradución da primeira volta delas:

FITTING THE PATTERN
or being a dressmaker daughter
by Christine Wilks
Tradución a galego de Estíbaliz Espinosa

ENCAIXAR NO PATRÓN
ou ser filla de costureira

Unha memoria en retallos…
con bordados.

O patrón está calculado para unha altura de 168 cms. A filla da costureira é máis baixa, así que o patrón debería axustarse para encaixar na súa altura.

Instrucións:

memorias doadas-de-coser
só cómpren catro pasos
escolle un utensilio de costura para comezar
comproba o teu avance no plano do patrón

TESOIRAS {1}

as roupas feitas na casa non veñen con instrucións de lavado
a miña vida de adulta vai enluxada con desastres na coada
prendas feitas con cariñoso amor
e tal atención ao detalle
arruinadas por culpa da miña neglixencia
con cada perda parecíame
que a estaba defraudando

a figura na curva dos patróns
suponse que teño eu esa forma?

a miúdo cóntanos que cando casou
tiña unha cintura de 20 pulgadas

MÁQUINA DE COSER {1}

orgullosas das nosas roupas
orgullosas de levar posta a artesanía de mamá
e así mostrar a súa destreza
para enchouparnos de afagos no seu nome
e nos bañar na súa gloria reflectida

enviábannos a misa os domingos
soas miña irmá e máis eu
sen os pais
un par de nenas con vestidos preciosos
emisarias da Casa de Moyra

eramos a súa credencial
publicidade viandante da súa mestría

ALFINETES {1}

ela prefería presupór que a nosa era a talla 10…
ben podería ternos medido
para asegurarse unha feitura perfecta
pero por algunha razón nunca o fixo
as tallas subían a modo…12…14…
pero durante anos
aturamos o van cinguidísimo
corchetes e botóns rebentando
as curvas ben marcadas

ela ensinaba costura
mais como o de coser na casa volvía menos frecuente
as súas clases da tarde foron a menos
así que aos 16 apunteime para arredondar as contas
malia que nunca quixera seguir o patrón

DESCOSEDOR {1}

teas de calidade, estilos de deseño, roupas únicas…

por riba do nivel dunha adolescente dun barrio obreiro
iso fíxome sobresaír
un albo

“Aló vai a puta creída esa nunha chupa de pel,
a por ela!”

houben aprender a aguantar o tipo
tan pouco feminina, tan distinta de mamá

[… ha seguir…]

knitted brain

Knitted brain, by Karen Norberg

One thought on “do texto ao téxtil: tradución de Christine Wilks, Fitting the pattern {1}

  1. Pingback: ferradura en tránsito » crítica de POESÍA HEXÁGONO

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s