| disidencia |
no interior dun cristal de sal de hai 250 millóns de anos, canda bacterias en vivo estado de suspensión, atoparon o berro que non deches cando debiches ter berrado
un berro feito a fentos
as burbullas de carbono do aire que tomaches para dalo
as súas titanias e oberóns diminutos amordazados con breimante
protestas a punto de mover os cilios e dividirse en nanoclamores que:
Qué.
Atoparon a túa actitude disidente conxelada e examinárona con microscopio de ouro – o ouro ha ser barato no futuro-
deron co teu berro, diseccionárono finiño
o teu berro rotifer
o teu berro algas azuis
e dentro do teu berro, moi adentro
na válvula aínda quente do teu grito
non acharon causas, non acharon ósos
que te conducisen a non dalo.
Así que dentro de mil anos as veas cachenas que te sucan, o teu esperma urogalo incandescente, os globos de óvulos ceibados en acios contra o ceo da especie
esas placentas recheas de información coma empanadas recheas de carne
que fuches abandonando a cegas sobre a terra
ollámoste todas en fite e soprámosche no oído:
Por que non berraches?
2013

A forma esférica é unha estratexia de envolvemento sobre unha mesma.
Valvas de ameixa nos fondos mariños
preparadas para repregarse nun segundo.
Converterse en burbulla
e saír flotando.
A estratexia esférica das gotas de auga
é a física da mínima presión.
O volume con menor superficie.
Tódalas forzas pregadas cara ó centro
da gravidade do momento,
pola presión externa da masa
de individuos, átomos ou partículas.
Que o contacto sexa mínimo.
Que o ruído non chegue dentro.
🙂