Tres fragmentos [] do Ulysses en galego.
Tradución E…E. Río
Ulises, [] do capítulo 17 [Ithaca]
Para que criatura foi a porta de saída unha porta de entrada?
Para un gato.
Que espectáculo presenzaron cando, primeiro o anfitrión, logo o convidado, emerxeron silenciosamente, dobremente en tebras dende a escuridade por un pasadizo dende a parte traseira da casa ata a penumbra do xardín?
A árbore celeste de estrelas cargada con húmida froita noiteazulada.
Con que meditacións acompañou Bloom a súa mostra das diversas constelacións ao seu compañeiro?
Meditacións sobre unha evolución vastamente crecente; sobre a lúa invisible en incipiente lunación, achegándose ao perixeo; sobre a infinda lactixinosa escintilante incondensada Vía Láctea, distinguible á luz do día por un observador situado na parte baixa dun pozo cilíndrico vertical de 5.000 pes de profundidade cara ao centro da Terra; sobre Sirio [alpha en Canis Majoris], a 10 anos-luz [57 billóns de millas] de distancia e en volume 900 veces a dimensión do noso planeta; sobre Arcturus; sobre a precesión dos equinnoccios; sobre Orión co seu cinto e o sol séxtuple Theta e a súa nebulosa na que collerían 100 dos nosos sistemas solares; sobre estrelas moribundas e nacedoiras como Nova en 1901; sobre o noso sistema que se precipita na constelación de Hércules; sobre a paralaxe ou o desprazamento paraláctico das chamadas estrelas fixas, en realidade eternas errantes dende eóns inconmensurablemente remotos cara á futuros infinitamente remotos en comparación cos cales os anos asignados á vida humana, tres vintenas máis dez, formaban unha paréntese de infinitesimal brevidade.
Ulises, [] do capítulo 15 [Circe]
BLOOM [encolle]: Seda, dixo a miña señor! Oh, son que renxe, gaspalloso! Debo rozala coa puntiña das unllas?
BELLO [sinalando ás súas putas]:
Como elas son agora, así serás ti, emperrucada, permanentada, perfumentolizada, pos-de-arroziada, cos sobacos suaveafeitados. As medidas tomaránseche coa cinta sobre a propia pel. Axustaránche con cruel forza en corpiños como parafusos de doce cutín de pomba con varas de balea até a pelve reberetada de diamantes, até o borde mesmiño, mentres a túa figura, máis metida en carnes que cando ías solta, engastarase en traxes apertados como redes, xeitosas enaguas de dúas onzas e flocos e cousiñas estampadas, abofé, coa insignia da miña casa, creacións de deliciosa lencería para Alice e un bo recendo para Alice.
Ulises, [] do capítulo 11 [As Sereas]
Letra? Música? Non: é o que hai detrás. Bloom enlazaba, desenlazaba, anoaba, desanoaba. Bloom. Riada de morna marmelámbea chupachup secretirmo manou para manar fóra da música, no desexo, escuro para lamber o fluxo invasor. Tocándoa, atopándoa, destapándoa, apalpándoa. Dálle. Poros que dilatan dilatando. Dálle. O pracer o sentir a calor o. Dálle. Gurgullar sobre esclusas abrolleiros illós. Riada, gurgullo, groto, pracergullo, palpidálle. Agora!
A linguaxe do amor.
❇ ❅ ❄
Máis nesta entrada: https://estibalizes.wordpress.com/2012/06/22/3-fragmentos-do-ulysses-traducidos-ao/