Joana Magalhães púxose en contacto comigo -grazas a Antía Otero– como alumna do seu obradoiro O Ollo da Arte interesada na simbiose entre arte e ciencia, unha póla que Antía relacionou comigo e as miñas teimas.
Joana ofreceuse a facerme unha entrevista. Eliximos a Casa das Ciencias como emprazamento e mantivemos charlas durante algúns días, xa que na nosa primeira cita un relatorio sobre meteoritos tívonos un bo anaco ollando espantadas á cúpula do Planetario e non quedou tempo para máis. En sucesivos encontros fomos falando de poemas, viaxes, de puntos de fusión entre ciencia e arte ou entre ciencia e literatura, de xeito que quedou claro que a entrevistadora dedicábase a traballos ben máis fascinantes que a entrevistada.
De modo que me ofrecín a entrevistala eu a ela. E Joana suxeríu entón algo estupendo: visitarmos o laboratorio onde ela traballa en Enxeñería de Tecidos, no Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña [onda o Hospital Teresa Herrera].
Desa visita quedeime con algunhas notas, fotografías e unha impresión fonda do desafío ao que se enfrontan investigadorxs como ela: fabricar tecidos que logren medrar por si sós no noso corpo para rexeneraren dese xeito partes danadas por enfermidades dexenerativas [artroses, reumas] ou accidentes. Xogar a fabricar partes de cyborg, medio orgánicas [a partir de tecidos como cristas de galo] e medio artificiais [metacrilatos, etc]. A especialidade de Joana son as cartilaxes, un tecido conectivo que nos mantén en pé, permítenos saltar, axeonllarnos, correr, encrequenarnos ou facer aspaventos… unha goma que amortece golpes e evita rozamentos.
Joana traballa cada día observando mostras, anotando resultados, examinando fibras de coláxeno en crecemento, avaliando o aspecto dos condrocitos [as células da cartilaxe] ou as células-nai dos cultivos do Laboratorio de Cultivos Celulares. É unha Labrega dun Tempo Celular, unha agricultora de xeonllos, cóbados e cadeiras futuras. A súa peza artística realizada para O Ollo da Arte ten o corazón que ela bota en falta na súa área de traballo [«ás veces tan abstracta que sinto que algo me falta», díxome nunha ocasión] e acende o foco nun aspecto con frecuencia esquecido para o público en xeral pero crucial para unx investigadorx: as publicacións científicas, os artigos, réplicas e conexións que suscite o seu traballo, é dicir, o tecido conectivo do seu labor.

As fotos en placas Petri e o poema [in vivo] nos seguintes posts: