Disque baixou o paro en 31 persoas, 31 criaturiñas como 31 soles. Alguén pode dar esa cifra e non morrer de fulminante vergoña ? Pois si, pódese.
Como outra cousa apenas sei facer, recupero dous textos nos que creo na forza que existe no Mundo Real, por fóra deste «telón de ceros» que ás veces nos adurmiña un pouco como «comunidade». Internet apréndenos a berrar sen berrar, a establecer relacións que logo non resultan consecuentes no mundo real, a crer que as cousas mudan cun hashtag e catro change.org. Pero xa estamos vendo que non. Que o bacallau córtase noutras prazas e que na rede o que podemos é espallar, multiplicar, reproducir algo que precisa magnetismo real, forza nuclear forte, carne no asador e forza gravitatoria da que nos fai caer e levantarnos, caer e levantarnos, caer e levantarnos.
Levantarnos Leviatán.
Os dous poemas, logo. O primeiro, máis antigo, é /ira len/ta/. Intentei, en clave retranca, avogar por un xeito de rebelión que non se note, un movemento contundente pero imperceptible, sen caer na obviedade que é tan facilmente sufocada. Unha ira lenta. Lenta, pero ira. Que vai.
O segundo, | disidencia |, xoga coa fantasía de atopar fisicamente un berro contido, unha necesidade de berrar cando era preciso que non foi satisfeita no seu momento. As capas xeolóxicas de tempo sepultaron esa necesidade até que volva aparecer dentro de millóns de anos. A suspensión voluntaria da incredulidade -a literaria suspension of disbelief – funciona para presenzar unha Terra futura, na que os fillos dos fillos dos fillos dos fillos recrimínannos os berros non lanzados ao aire. Os berros fosilizados.
/ira len
ta/
odiemos tranquilamente
que a nosa furia demola
con elegancia
nun delicado frasco destilamos
pinga a pinga
o rancor
a vendetta que se serve lenta lentalen
ta
en bandexa de prata fría
con cinco garfos:
por agora lle chup chupamos unha pata
xa nos tarda iso de nos poñer feitos
un feitísimo basilisco
se é que somos esa desgraciada e grácil chusma
a termar do novo século cunha man
e espantando ao vello coa outra
as nosas garras suaves sobre o calvo futuro
o odio ruborizándonos, subindo a palpebrexar
rabiosamente as nosas pestanas de vaca
de fino acabado
e é agora que
esgotouse o seu crédito nos fondos do universo
xa non ten onde ir senón fóra de si
adiante! poñámonos fóra de nós con tenrura
arrasemos en silencio -como aquel que neva-
toda esa profanación do que significa o común
modo sapiens off por un momento
ilimitados
pero curvos
a crispación non é sabia, será que a carraxe si
cómpre a ira lenta, a ira lenta alén ta lent
a
como para regresarlle sangue a un organismo que agoniza
un nó político ben gordiano dende hai tempo
que haberá que tronzar disque con melancolía
bébedos de ouzos
ménades do πάντα ρεῖ καὶ οὐδὲν μένει!
cariátides que entre mantelos desmantelan
todo o heleno que hai en nós
aboiando por ser nave de cortiza na mar da cor do viño
fai falla falla falla
que vai ira/que vai xenio
ira que revira vai
vento céfiro furacanado en tromba
de democracia a democlasia
de iconocracia a inconoplasia
é cosa nostra
é o noso
é o noso odio tranquilo refundando a noción
-ata a ignición-
do que algunha vez foi xusto
só porque en verdade era de todos
agosto, 2011
| disidencia |
no interior dun cristal de sal de hai millóns de anos, canda bacterias en vivo estado de suspensión, atoparon o berro que non deches cando debiches ter berrado
un berro feito a fentos
as burbullas de carbono do aire que tomaches para dalo
as súas titanias e oberóns diminutos amordazados con breimante
protestas a punto de mover os cilios e dividirse en nanoclamores que:
Qué.
Atoparon a túa actitude disidente conxelada e examinárona con microscopio de ouro – o ouro ha ser barato no futuro-
deron co teu berro, diseccionárono finiño
o teu berro rotifer
o teu berro algas azuis
e dentro do teu berro, moi adentro
na válvula aínda quente do teu grito
non acharon causas, non acharon ósos
que te conducisen a non dalo.
Así que dentro de mil anos as veas cachenas que te sucan, o teu esperma urogalo incandescente, os globos de óvulos ceibados en acios contra o ceo da especie
esas placentas recheas de información coma empanadas recheas de carne
que fuches abandonando a cegas sobre a terra
ollámoste todas en fite e berrámosche no oído:
Logo ti. por que non berraches?
2013
- by hui+
Despois dun tempo paseando pola diversidade de bosques virtuais galegos fiquei marabillado de atopar unha auténtica fraga… graciñas.
Grazas a ti polo mimo que supón deixar un comentario
Interesantes poemas, son teus?
Grazas. Son, si