teatro negro petroleado

TA FANTASTIKA
Teatro Negro de Praga

[para o libro colectivo Negra Sombra, eds. Espiral Maior/Xerais]

no medio da escuridade nós soñabamos outra escuridade porque non se nos ocorría outra cousa
Italo Calvino

“Chove cara arriba”, admitiu o home colgado polos pés. Consignaron: “Axústase á verdade”
S.J. Lec

non sigas lendo. isto é unha trampa.
O principio desta forma de facer teatro baséase no engano óptico da chamada cámara negra…

¿lembras? porque é esta unha forzada máquina que di cousas
…resultado da incapacidade do ollo humano para distinguir…

sobre esta folla están agora os teus ollos, pero antes estiveron os meus
…unha silueta escura sobre un fondo da mesma non cor

e tras de ti virán outros. e logo outros. e eles saberán qué foi de todo isto
un dos máis famosos en praga, Lanterna Máxica, foi presentado por vez primeira na expo de 1958 en Bruxelas

nós estaremos así no fondo e, superposta, a infamia, que reloce con escamas de peixe
naceu probablemente na China hai máis de 2000 anos

igual que alicia, non saber qué país é este
os actores, vestidos de escuro, moven obxectos no escenario sen seren vistos

comermos a medula tóxica que nos vertebra as costas, vivir drogados
as cousas que se observan no escenario fanse todas coas mans

cómeme, bébeme. porque isto é unha trampa.
as cousas inertes pasan a ser axentes activos do argumento dramático…

cando parece que non di nada, en realidade si o di
…ao igual que os movementos, a música, os trucos mecánicos…

e nós estaremos así no fondo e, superposta, a infamia, relucente coma a pez
…pero só no teatro negro esa trampa é marabilla

como siameses, unidos todos polas costas, e sen vernos
gracias a este traballo común, sen as barreiras do idioma…

e que só fique o noso sorriso de gato cun dente menos, polo que sae o aire
…Ta Fantastika converteu nun clásico…

pero palabra, ningunha
…dos teatros de medio mundo

palabra, ningunha
as funcións no Teatro Oriente serás ás 20:30 horas o venres…

palabra, ningunha
…entradas de 20.000 pesos para a platea…

sorriso. falta un dente

estíbaliz espinosa, 2002

banksy_losangeles_s

made by homo sapiens
unha nova entrega do Teatro Negro de Praga con sorprendente final en prosa para ti

[para outro libro tras o Prestige, aínda que finalmente este texto non apareceu]

vén, quero invitarte
tras a revolución de veludo emerxeron Ta Fantastika e Pan Optikum…

na miña adolescencia, cando escribía cousas como interpretando sí existo, eu non coñecía o teatro negro de praga
…cativando á súa audiencia con todos os elementos posibles:

a vida segue sendo enorme, unha campá que dá e dá e dá
son, luz, música, mimo, baile, color

agora estou no centro desa campá e ti estás comigo
made by homo sapiens, por exemplo, penetra no noso máis profundo anhelo…

e agora estou no centro desa campá e ti estás comigo
…dun planeta limpo e de abundancia

porque agora estou no centro desa campá
unha adaptación das loucas aventuras do barón Munchausen…

e ti estás comigo
…desfacéndose da autoridade

ha de ser que quero que saibas que, de todas aquelas viaxes – a dorsal atlántica coa que hoxe respiro, a area que comín, as algas do meu pelo e a infamia, que tanto relucía no poema primeiro-
a miña intemperanza rapinou para ti unha grande historia
unha historia que di así:

[intemperanza

Eu tiña unha grande historia que vos contar. Unha historia que revelaba un tempo e un lugar e alguén, creo que era un home, qué máis dá, ou unha muller, é igual, alguén que abría e pechaba portas, que dicía cousas e escoitaba con máis ou menos paciencia o seu propio existir.

Non sei cómo empezaba a historia, nin cómo acababa. Só sei que era grande, que facía grande a quen a dicía, incluso a min, que non son grande contando historias. Era unha historia que falaba do onte ou do mañá. Non sei. Sei que era grande. Unha grande historia que se gravaría na cara interna dos brazos, aí onde a pel é máis delicada, aí, aí se gravaría. Ou na medula dos ósos. Ou na cana mesma do óso, aí, aí deixaría as súas marcas, no fémur, na derradeira vértebra do colo, no martelo do oído medio…

Era ben grande a historia que eu tiña.

Ben grande.

Pero esquecina toda, de cabo a rabo. E agora non sei qué fago aquí, con esta cara de parva, escribindo]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: