a putada da lúa

3971137460_4da6bf5e46

:: a putada da lúa::
[teatro infantil con palabrotas e termos complicados de meteoroloxía]

-Como quere que a chamemos? Selene? Tsuki? Lúa do Castor?

– Lúa a secas está ben

– Ben, señora…

-Señorita

-Señorita Lúa

-Si

-Que facía vostede o 13 de novembro de 2002 contra as 15:00 horas?

-Non estaba

-Como que non estaba. Vostede sempre está

-Si, bueno, era mediodía… non sei, mira, estou nerviosa. Podo fumar?

– Non, non pode. Recoñece que regular as mareas é xurisprudencia súa?

– Daquela maneira. Aquel día os refachos do vento eran cousa fina

– A Rotación combinada Terra-Lúa é a que marca o patrón dos ventos. Non se estará exculpando

– Daquela a Rotación da Terra tamén debería estar sentada nesta cadeira comigo

-Non podemos imputar á Rotación da Terra. Pararíase todo. Acabaría o mundo

-Ah, pero a min si, non? A min si se me pode sentar aquí e poñerme o pé enriba. E bandeiras e de todo…

– Estabamos en que as mareas eran cousa súa e os ventos, de xeito indirecto, tamén

– Pois será. Oes, teño un ceo nocturno que atender

– Aquela mesma noite, que fixo vostede?

– Non me lembro. Non teño atmosfera. As lembranzas escápanme todas cosmos arriba

-Xa, claro. Aquí o Google Sky Map di que vostede estaba crecente…

– …en abalo

– No que queira. Vostede estaba inflándose coma un cruasán…

-Croissant

-… e na constelación de… agarde un chisco… si, Acuario

– Na constelación de Acuario. Vale, ben, vaime xulgar un tribunal de astrólogos?

– Convirá en que era un exercicio de imprudencia estar en Acuario precisamente a noite dun accidente marítimo

– Xa me dirás onde queríades que estivese. Eu fago o meu traballo na miña órbita, a vosa perspectiva do asunto tráeme ao pairo. No hemisferio sur a cousa pintaba diferente e segue a ser o mesmo planeta, ou?

-…

-Mira, teño présa, o sol directo séntame fatal, dime o que me queiras dicir e xa

– Vostede é a responsable da especial Rotación da Terra que provoca as turbulencias e os ventos de toda caste. Por se fose pouco, o Océano séguea a vostede como un can de palleiro

– Joder, non me trates de vostede, cacho hipócrita! Se me prometiches a unha moza unha noite de agosto dentro dun coche aló no Monte San Pedro…

-…e a todo iso súmase que estando vostede en corpo presente e crecente…

– e logo ben que a zoscaches, alí, no coche, e eu tiven que velo todo, teño que ver cada cousa, cada cousa…

-…durante toda a noite e as noites subseguintes até o afundimento do barco, o 19 de novembro de 2002…

– …que estades como cabras e logo a que ten unha cara oculta resulta que son eu…

-… non baixou vostede a botar unha man…

– Unha man? Pero que man? QUE MAN?

-… nin tomou as precaucións esperables nun satélite de primeira coma vostede…

– Son o único satélite que vos quedou porque ninguén quería saber nada de vós

-… tales como paralizar as mareas, deixar de rotar, remolcar o barco con toneladas de fuel até o cinto de asteroides máis próximo…

– Si, seguide espallando a merda polo sistema solar, veredes que ben vos vai ir

– … aliñarse na constelación de, poñamos, Libra, para equilibrar as cousas…

– Eu cambio de planeta

-… coa agravante de comportarse como unha voyeur da desgraza allea…

– E dálle

– … con ese sorriso de media lúa que lle sae tan ben…

– Xa mo dicía miña nai: á Terra non! Ten vida que se cre intelixente!

– Por todo o cal…

-Podo marchar? Bótanme de menos catro borrachos e mil dúascentas grávidas…

– Por todo o cal considerámola culpable do «rumbo suicida» do barco…

– Un barco lunático…

-… das olas de dez metros e os ventos impetuosos daquel día

-…

– de compoñente ninsesabe

-…

– ventos aleivosos e con saña

-…

-e culpable tamén de estar en Cuarto Crecente e non facer nada dende a súa posición privilexiada

-…

– moi culpable especialmente de brillar máis branca que nunca mentres o chapapote mataba miles de aves, peixes e moluscos

-…

– e condenada, en definitiva, a pagar os 4.328 millóns de euros de perdas ocasionadas pola catástrofe

-Como vou pagar semellante cousa? Gañaríades o xuízo pero perdestes o xuízo!

– Hai unha maneira

– Cal?

– Vostede afasta a razón de 3’8 centímetros ao ano de nós.

– Si, pero tardaría millóns de anos en…

– Ben, deixe de facelo

– Que deixe de marcharme?

– Si, deixe de separarse de nós

– Pero, non podo evitar desorbitarme, coñecer outras vidas…

– Quédese quietiña. E a débeda irase saldando co tempo

– Non, iso non!

– É a única maneira

– Eu vallo moito máis que 4.328 millóns de euros, eu non teño prezo!

– A cambio, poñerémoslle bases de estudo e antimeteoritos para que non a zosquen máis. E nomes máis bonitos para os seus cráteres, en chino, que lle parece? E unha fermosa atmosfera de celofán.

– Serei a vosa puta

– É un xeito de velo. Manoseada polos poetas xa foi abondo. Ánimo e… CULPABLE!

Estíbaliz Espinosa, 13 de novembro de 2013

11 anos do desastre do Prestige e ninguén quere cargar coa responsabilidade. A culpa é «dos elementos». Dos «elementos» dun desgoberno, quizais?

pals

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: