Poema lido en Demasiados zapatos para unha Cincenta. Poesía e invención de identidades:novas poetas galegas, celebrado en Salamanca a semana das Letras Galegas, o 14-16 de mayo de 2007. Curso dirixido por Pedro Sierra e Germán Labrador. A versión traducida a castelán publicouse no blog peruano, Pelagatos alunados, en xullo de 2007 e en Letralia en xullo de 2010.
| Software libre para aproximadamente dominar o universo |
Mentres pisas este verso na pantalla, algún idioma a piques de morrer, rexenérase.
As palabras.
Teñen matado e morto por elas.
Os emperadores chineses. Shaka Zulú. Os yanomami.
Todos, e ti e eu, temos partido e revivido polas palabras.
Lapidáronnos con elas.
Salváronnos.
Ampliaron e encolleron o nosos cosmos miserable. Épico.
Cunha palabra súa abondou
en absoluto.
Puideches ter morrido de acento algunha vez.
Puideches desexar unha voz case coa forza bruta e primordial con que se aspira un corpo.
O seu xeito de dicir caracas.
O seu xeito de dicir tepui.
O seu xeito de pronunciar unha zeta preguiceira.
Mentres engoles este verso na pantalla o século XVI faise caribe. Caribe significa caníbal. E dicilo, devórate.
Devórate co negro, co negro e co indio devórate.
Unha lingua que se fabrica cos ósos inimigos. E que desce pola túa caluga ulisqueando as palabras.
As palabras.
Vai sorbelas coma o tuétano dun fémur.
Seica o reino das palabras, coma todos, vaia derrubarse.
Pouco importará logo en que idioma fuches escrito.
Tan só se es traducible a icona. Telepatía. Holograma.
O seu xeito de dicir o mundo.
O nome polo que te chamaba.
Si.
Daquela si.
Morrer por unha palabra. Unha ecuación. Unha lingua.
Seica sexa unha esaxeración poética que ante certas situacións cómpre adoptar. Tense morto por moito menos, por moito menos ca unha palabra.
Por unha inicial gravad[A], por uns puntos suspensivos…
Mentres tragas este verso na pantalla
algunha palabra deixa de dicirse para sempre […]
E outra, algunha outra
comeza a se balbucir en segredo.
Suspensa.
Entre cairos sen fío
Mares caribeños
Obxectos descoñecidos que ofrecen a súa lenta xestación nunha boca.
En canto craves o talón neste texto, algo primordial nacerá ás túas costas.
Talvez non vaias coñecelo nunca.
Xa non te pertence…
[E tería podido pronunciarte. Volverche eterno. Pronunciarte…]
inédito, 2007
