Fragmento de Carl Sagan recollido no libro The Meaning of Life: reflections in Words and Pictures on Why We Are Here, de David Friend. via http://www.brainpickings.org. As negriñas son miñas.
En verdade, eu titularíao O sentidiño da vida.
De O sentido da vida: reflexións con palabras e imaxes sobre por que estamos aquí. Fragmentos de Carl Sagan tomados de Billions and billions [Miles de millóns], 1996, e Pale Blue Dot [Punto azul pálido], 1994
Tradución a galego de Estíbaliz Espinosa, 2013
«Nas pasadas décadas, os Estados Unidos e a Unión Soviética conseguiron algo que –a menos que nos autodestruamos antes- ha lembrarse durante miles de anos de aquí en diante: a primeira exploración en detalle de ducias doutros mundos. Xuntos atopamos aí fóra moitas cousas magníficas, instrutivas e con valor práctico. Pero non atopamos traza, nin asomo de vida. A Terra é unha anomalía. Ao longo de todo o sistema solar é, ata onde sabemos, o único planeta habitado.
[…]
Nós, os humanos, somos unha entre as millóns de especies diversas que vive nun mundo puxante, rebordante de vida. E porén, a meirande parte das especies que existiron xa non existen. Logo de florecer durante cento cincuenta millóns de anos, os dinosauros extinguíronse. Ata o derradeiro deles. Ningunha especie ten garantida a permanencia neste planeta. E os humanos, os primeiros seres en concibiren os medios para a súa propia destrución, levan aquí só uns poucos millóns de anos.
[…]
Somos raros e preciosos porque estamos vivos, porque pensamos. Contamos co privilexio de influír e quizais controlar o noso futuro. Temos a obriga de loitar pola vida na Terra… e non só por nós senón por todos aqueles, humanos ou non, que chegaron antes e cos que estamos en débeda, e por todos aqueles que, de sermos sabios abondo, han vir despois. Non hai causa máis urxente que sobrevivir para eliminar a nivel global a ameaza crecente da guerra nuclear, a catástrofe ambiental, o colapso económico e a fame masiva. Estes problemas son creación humana e só os humanos poden resolvelos. Non hai nin convención social nin sistema político nin hipótese económica nin dogma relixioso máis importante ca isto.
[…]
A dura verdade parece ser esta: vivimos nun vasto e asombroso universo no cal, a cotío, créanse soles e destrúense planetas, onde a humanidade pendura dun escuro terrón de rocha. O significado das nosas vidas e o noso fráxil reino deriva da nosa sabedoría e coraxe. Somos os custodios do sentido da vida. Prefeririamos que fose doutro xeito, claro, pero non hai ningunha evidencia convincente dun Pai cósmico que nos protexa e nos vaia salvar de nós mesmos. Iso é cousa nosa.»
Grazas pola túa lectura, grazas por compartila.
Un sabio Carl Sagan.
Feliz 2014, se a humanidade o permite !.