/ emboscada /
mans arriba, estás na Natureza
espero que traias en orde o teu caótico instinto
os teus pelos de mono o convenientemente crechos
eh, son o bosque
éntrame con tento
témeme, uhuh
son monte á noite e estouche nevando
demóstrame o que hai en ti de curuxa
iso de que para un alien as túas células
serían case idénticas ás desta argana de herba
namorada coma unha nena
do teu sol
iso de que os teus se entenden coas auroras boreais
que vivides nun coma biofílico perdido:
demóstramo, anda
quieto aí, lobo da xente
aprende de novo a oír
has sentir que o teu ouveo viaxa 1,3 segundos-luz
e rebota
nese cráter Copérnico da lúa
a vosa lúa mimada
a de todos
as mans en alto,
si, vai por ti, especie de enchufe estelar
antena que te fas chamar sapiens
cunha modestia exemplar para o resto
dos billóns de exoplanetas
es «o medio para que o cosmos se coñeza a si mesmo»
así dixo un dos teus
tamén pareces o carbono do que a miña natureza
non fai máis que namorarse
a patadas
unha e outra vez
e outra vez
e outra
carne
e cinza
e carne
e cinza
que non me acabas de cicatrizar de todo
é como obsesivo-compulsiva
[a natureza]
como mafiosiña ao seu xeito
á chita calando
e en ti
unha abella que ve o ultravioleta na flor
unha balea que canta soa aínda que non a entendan
todo iso en ti, animal até a maleza
vexo o teu cranio estrelado
contra o meu bosque lácteo
e tanto me manca…
Xa non sei se crerte
mans arriba, amor meu
ouoqueveñassendo
Un entre sete mil millóns
e á alza
mans arriba
mans arriba
mans arriba

Din das auroras boreais que se tapas os oídos nos as ves.
Aprender a oír pode ser un tremor.
Saúdos
Todo ser humano debería ter dereito a ver unha aurora boreal na vida. Cando me toque voume lembrar diso que dis, fixo.