Traduzo algúns dos poemas de Francisca Aguirre a galego. E comezo co do post anterior.
DERRADEIRA NEVE
A Pedro García Domínguez
Unha fermosa mentira acompáñate,
pero non chega a acariciarte.
Só sabes dela o que din,
o que explican libros enigmáticos
a narraren unha fabulosa historia
con palabras cheas de significado,
cheas de claridade e peso exactos,
e que ti non comprendes, malia todo.
Mais a túa fe sálvate, mantente.
Unha fermosa mentira espréitate,
aínda que non pode verte, e ti o sabes.
Sábelo dese xeito inexplicable
en que sabemos o que máis nos fere.
Chove dende os ceos tempo e sombra
chove inocencia e louco desconsolo.
Un incendio de sombras aluméate,
namentres a neve apaga as estrelas
que foron unha vez ascuas permanentes.
Unha fermosa mentira acompáñate;
a infindos millóns de anos-luz,
intacta e compasiva, esténdese a nevada.
Tradución de E…E
Máis traducións doutros poetas, ensaístas ou narradores na pestana traducións [https://estibalizes.wordpress.com/en-prensa/] ou na categoría traducións [https://estibalizes.wordpress.com/category/traducions/].