oda a unha flor | Richard Feynman

Imos ver: Richard Feynman parecía un tipo simpático, un físico con riso de fauno tocando os bongós e se cadra tamén un pouco os collóns á comunidade científica universitaria, e un profesional serio no que concerne ás relacións a nivel subatómico, electrodinámica cuántica e os famosos diagramas de partículas aos que bautizou e aptos só para iniciados […non sigo por aí].

Un dos extractos máis célebres das súas longas e entusiastas entrevistas é o que alguén titulou “Oda a unha flor“. Nel, Feynman louva ese nanomundo no que el se move, perceptible nunha flor ou -isto xa son conxecturas miñas- nunhas tripas abertas de xarda e xurel, un contedor ardendo ou unha pedra no zapato dun antidisturbios en Compostela. El toma o exemplo da flor, a metáfora máis espallada da beleza, e para iso conta unha anécdota cun suposto amigo artista que semella subnormal perdido. Aí si que non, Feynman, aí si que non: pero, pódese saber que clase de amigos tiñas ti? Que clase de artista cretino adopta semellante superioridade estética? A ver se vai ser que o principio desta anécdota foi un mcguffin encamiñado a resaltar máis a beleza engadida de coñecer un proceso, a beleza da cognición en si, do logos fronte ao mito e a poesía, un desamor platónico. A ver se vai ser.

As ciencias e as letras, artes… nunca estiveron tan separadas como se nos fixo crer. Feynman, ou o teu amigo artista era imbécil integral [coa fórmula da súa integral adosada] ou ti esaxeraches un pouco a súa imbecilidade no teu beneficio. Non me parece mal, todos o facemos. Pero ciencia e arte beben da mesma raíz chantada no noso cerebro, o teu amigo debería sabelo como seica o sabes ti. A mesma raíz.

A raíz de mandrágora da curiosidade.

Bueno, en fin, isto dígoo eu que son así de lapidaria, pero a oda non é á raíz da mandrágora. A oda é á flor. A cal? A unha calquera. Pensaremos na rosa. Ou, estamos na época, na camelia japonica. Ou na buganvilla omnipresente e trepa. Polo que a min respecta, prefiro o uz – que dá mel exquisito-. Ou o xirasol. Ou a mapoula. Flores tamén. Flores como de segunda. De monte. De gabia. De pipas. Non de ramo. Nin de odas. Ou si. A nivel subatómico vale todo.

Feynman tamén falou en termos parecidos sobre os poetas e Xúpiter, se pinchas aquí o les. E, en breve, pendurarei o affaire de Feynman co viño.

Aquí o fragmento da flor, que traducín esta noite:

Oda a unha flor

Richard Feynman

Tradución de E…E, 2014

«Teño un amigo artista e algunhas veces amosa un punto de vista co que non coincido de todo. Por exemplo, colle unha flor e di “Mira o bonita que é”, e ata aí estamos de acordo. Pero logo engade “Como artista, eu podo ver o fermosa que é, pero ti como científico desmóntalo todo e convértelo en algo sen chiste ningún”. E eu creo que iso é unha parvada das boas.

Para empezar, a beleza que el ve é accesible a outras persoas, incluído eu, paréceme a min… Seica non teña eu o seu refinamento estético pero son quen de apreciar beleza nunha flor.

Asemade, vexo moito máis ca el nesa flor. Podería imaxinar as células aí dentro, as súas complicadas accións, co seu aquel de beleza tamén. O que quero dicir é que non só existe a beleza nesta dimensión, a escala un centímetro; existe tamén en dimensións máis pequenas, na estrutura interna, así como nos procesos. O feito de que as cores da flor evoluísen para atraer insectos polinizadores é interesante; significa que os insectos distinguen as cores. E lévanos a unha pregunta: existe tamén este sentido estético en formas de vida menores? Por que é estético?

Unha morea de cuestións interesantes que o coñecemento científico suma á emoción, o misterio e o asombro ante unha flor. Só suma. Non acabo de ver que reste.»

E alguén [Fraser Davidson] tomouse a molestia dadivosa de crear este vídeo para esas palabras:

Richard Feynman – Ode To A Flower from Fraser Davidson on Vimeo.

tumblr_mq6piamKp31rqpa8po1_500
«A imaxinación da natureza é moito, pero moito máis grande que a do home» Richard Feynman

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: