O que diría Feynman ante un bo mencía

Fragmento de Charlas de Física, de Richard Feynman. Lin este anaco en Escrita no ceo,  no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, e dende entón lembro del -por moito que a derradeira frase convide a esquecer- en canto teño diante un vaso de viño.

Estes fragmentos de Feynman que escollo para traducir atráenme porque, ademais de conteren xenerosas doses de humor e sabedoría, propoñen sen querer un punto de reflexión interesante: a visión do famoso físico non deixa de ser ben lírica. En moitas das súas explicacións amosa unha curiosa relación coa poesía: alude a poetas -sempre anónimos-, amigos seus, aos ou ás poetas en xeral… Aquí, para falar do do viño encabeza o seu exame científico con ese enigmático «Dixo un poeta».

Cal poeta? Onde o dixo? Nunca se sabe.

Sospeito que ás veces Feynman inventaba un pouco. Pero iso dáme pé a pensar que este fauno das subpartículas estaba algo obsesionado coa poesía e que ese eido -tan en aparencia pouco científico e ao que ridiculiza sen medo- é no fondo o motor da súa visión desprexuizada e case pangaláctica do árido reino atómico.

Máis traducións de Richard Feynman se clicas aquí.

O Universo nunha copa de viño

«Unha vez dixo un poeta: “Unha copa de viño contén o Universo enteiro”.

Se cadra nunca saberemos en que sentido o viña a dicir, xa que os poetas non escriben para que se lles comprenda. Pero abofé que se observamos un vaso de viño coa debida atención, vemos o Universo enteiro.

Aí están as cousas da Física: o líquido que se arremuíña, os reflexos no vidro e a nosa imaxinación engade os átomos. Evapórase dependendo do vento e do clima. O vidro é un destilado das rochas terrestres e na súa composición vemos o segredo da idade do Universo e a evolución das estrelas. Que estraña variedade de elementos químicos hai no viño? Como é que chegaron a selo? Temos os fermentos, as enzimas, os substratos e os produtos. Velaí no viño atópase a gran xeneralización: toda vida é fermentación.

Ninguén pode descubrir a química do viño sen descubrir, como Louis Pasteur, a causa de moitas enfermidades. Ben vívido é o tinto que imprime a súa existencia a quen o observa! Se resulta que as nosas pequenas mentes dividen esta copa de viño, este universo, en partes – física, bioloxía, xeoloxía, astronomía, psicoloxía, etc. . . – lembren que a natureza non o sabe! Así que a xuntalo de novo sen perder de vista para que serve a fin de contas. E que nos dea un derradeiro pracer: bebelo e esquecelo todo»

Tradución e negriñas de E…E Río

by Chema Madoz

Joe Hanson, de It’s okay to be smart, realizou esta montaxe para este mesmo texto -podedes activar subtítulos na icona inferior dereita da pantalla do youtube-:

One thought on “O que diría Feynman ante un bo mencía

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: