nin unha palabra máis alta que outra

Sobre estes versos dados de Rosalía, e para outra proposta colectiva en torno aos Cantares Gallegos:

Cando foi, iba sorrindo,
cando veu, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito

…saíume isto:

>Nin unha palabra
máis alta que outra<

Circulen. Vaian sorrindo ordenadamente. Vaian morrendo sen perder pé. Por favor, o de pasalas putas que sexa con azos. Montar bulla, xa pasou. Hai festa na democracia, 6º dereita. Pasen, chamando primeiro. O amantiño do meu peito, non nos vaia augar a festa. A pasar fame con dignidade. Se hai que emigrar, se emigra. Se hai que comer polinomios e mapoulas, se comen. Chorar por deporte, onde se viu. Para acadar o estatus de «pobre de solemnidade», que parte de «solemnidade» non se entende? A ver, a protesta é sempre cara alá. A chorar radioactividade a Cangas. Teñan o detalle de desangrarse en silencio. Desfóndense sen perder as formas. «Lorem ipsum dolor sit amet», xa ben o din os que saben. Algún día toda esta ETA, meus fillos, será facebook. E non aprendan tanto do universo, que é pura radiación. Fagan como a antimateria, antimanifestándose con sentidiño. Disintan sen que se note. Discrepen de boa fe. Chamen as cousas polo seu nome artístico, que se non as cousas non atenden: «Tique moderador». «Mobilidade exterior».«Guerra humanitaria». Con Senso. Con Sensual. A que vai un ceo aberto lonxe das minas a ceo aberto? A que non hai intelixencia como a «intelixencia militar»? Nos «desahucidios», a asubiar. Na cola do paro, toca sacar outro tema.

Cando foi, iba sorrindo. Pois claro: ao facer maletas poñan primeiro a cámara de fotos. Practiquen escritura creativa con esas ganiñas de moer a paus. Reciclen impotencia e dor, non as laven xuntas.

A rabia é biodegradable.
Ser maino, cotiza.
Facer coma que non, desgrava.

A luciña dos meus ollos, ónde vai que leva recargo.
A palabra «prestación», non lles leva a vivir de prestado?
Póñanse ata arriba de cornizó.
Se son mulleres, cambien a compresa sen contarllo á Vía Láctea.
A fría do ollo esquerdo, tamén.
Se son homes, deseñen barbas.
Se non son unha cousa nin outra, a definirse.
Se son cyborgs, que os acompañen no sentimento.
Se son trans, non sei, a ver, transeen.
Transeúnten.
Transeúntense.
Circulen.
Vaian sorrindo.
Vaian esmorecendo.
Cando veu, viña morrendo.
Transicionen a peor.
Cir
cu
len.

[A apañar licopodio aos bosques.
A ouvear coa loba doente ou ferida.

Amoriñas das silveiras, tratade ben ás campanas.
Campanas de Bastabales, tratade ben a quen cuspe.

E dun golpe, dun soio,
deixainos con vida.

Que moitos aínda, moitos
castellanos doutras Castillas]

Estíbaliz Espinosa, 22 marzo 2014

MBDNOBY EC004

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: