O escritor e crítico Ramón Nicolás colle o cuestionario Proust e dánolo a mollar en té. Aquí o filtrado do meu té con bicas de Trives. No seu excelente blog caderno da crítica hai unha chea deles, de moita xente que escribe. Que somos lexión, as ya know. E máis que virán.
Penso eu: «pacándo» un cuestionario Woolf? E un cuestionario Cunqueiro? E un cuestionario Chus Pato? Cada un coas preguntas-teima de cada un deles. Woolf preguntando polos teus primeiros lapis. Cunqueiro obsesionado con fetiches orientais. E así… Anímenseme…
1.– Principal trazo do seu carácter? – Curiosidade. Obsesivocompulsiva
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas? – O seu sentido do asombro e o do humor. Que, penso, van trenzados.
3.– Que agarda das súas amizades? – Nada. A boa hora serían amizades, se non!
Das amizades por interese agardo moitas cousas: cartos, sexo e coñecemento, principalmente.
Das primeiras teño apenas.
4.– A súa principal eiva? – A introversión nun sistema social armado para extrovertidos.
5.– A súa ocupación favorita? – Mirar estrelas
Mirar animais. Xente incluída
Trituralos a todos e escribilos.
6.– O seu ideal de felicidade? – Un convento de monxas con telescopios. E con Y.
7.– Cal sería a súa maior desgraza? – Fáltanme valor e verba para escribir iso.
8.– Que lle gustaría ser? – Cosmonauta contista; e rusa ademais.
9.– En que país desexaría vivir? – En órbita. Coido que xa vivimos un pouco en órbita. Non me vai moito o de pensar o mundo en países, pese a que si creo na intervención política decisiva a outros niveis.
10.– A súa cor favorita? – Amarela. Dentro dun ollo humano, mellor.
11. – A flor que máis lle gusta? – Uz. Dá un mel de primeira.
12.– O paxaro que prefire? – Baina honela, ez zen gehiago txoria izango.
Eta nik txoria nuen maite.
13.– A súa devoción na prosa? – A poesía disfrazada de prosa de Clarice Lispector.
14.– E na poesía? – Centos de versos de autorxs distintxs que forman unha monstra peluda, moi radioactiva.
15-. Un libro? Ese que, cando o moves do seu andel, abre o pasadizo secreto na parede [Nos meus andeis ese cometido é sempre dalgún libro de El Gaviero ou dunha revista mutante Salamandria].
16.– Un heroe de ficción? – Nemo.
17.– Unha heroína? – Orlando.
18.– A súa música favorita? – O silencio previo a que soe unha desas músicas favoritas. O falar íntimo dunha voz que me guste.
19.– Na pintura? – Pegadas da man en negativo hai 35.000 anos, nas covas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real? – Os que, malia o intento de suicidio, o lorazepam, o cancro ou a pobreza, tiraron para adiante. Os que protestan de xeito contundente. Os que desafían e mutan ideas. Os que non se colgan medallas por facelo.
21.– O seu nome favorito? – Pandora. Marusía.
22.– Que hábito alleo non soporta? – A suspicacia ante quen obra fóra dos marcos do “esperable”.
23.– O que máis odia? – Aferrarse a certezas sen evidencias. Pedantería. Clasismo. Poder mesquiño, envexoso. Vitimismo deshonesto. A tortura.
24.– A figura histórica que máis despreza? – O meteorito que disque causou a gran extinción do Pérmico. Heille pintar un bigotiño nun libro de historia.
25.– Un feito militar que admire? – Esa estratexia dalgunhas células primixenias de sitiar o ADN cunha membrana nuclear. Tan pequenas e xa tan perversas!
26.– Que don natural lle gustaría ter? – Falar lobo. Falar fotón. Falar enerxía escura.
27. – De que maneira lle gustaría morrer? Afogada na auga. Ou nun incendio. As típicas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual? – Melancorretranqueiro.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia? – Os da xente apaixonadamente torpe e asocial
30.– Un lema na súa vida? Non teño lemas, que eu lembre. De cando en vez doume un Eureka! seguido dunha torta, non vaia ser.
*************
Máis tests Voight-Kampf similares a este [ou moi distintos] espetando un clic aquí.
