feliz día da Cosmonáutica- Yuri Gagarin e Emily Dickinson

Estíbaliz Espinosa, 12 de abril 2014

Prezados cyborgs [canto tempo sen usar ese palabro] que vivides con extensións qwerty nos dedos e córneas de cristal líquido e medides a vosa memoria en teras e poñedes e quitades enxertos de memoria por se algún día hai un clon coa vosa dote [ía poñer enxoval] xenética e queredes que esqueza e lembre exactamente o mesmo ca vós…

…dicídelle ao voso clon que nos séculos XX e XXI a Terra estaba fatal da cabeza e comezabamos a saír dela, a deixala a medio facer, a medio cocer, a medio resolver, como unha ecuación con demasiadas incógnitas, para procurarmos outro fogar, un mellor, un de veras mellor, e así empezar de cero [empezar a cagala outra vez, pero de cero], ou cando menos, ver a Terra dende outra perspectiva

outra perspectiva, non sei

outro enfoque

máis sistémico

máis solar

e que o primeiro da nosa especie que viu a Terra dende outra perspectiva, non sei, outro encadre, o primeiro que saíu disparado da rampa 1 de Baikonur [hoxe rampa Gagarin] e nos viu a todos xuntos lonxe, a todos xuntírmos sobre a canica esta e dixo simplemente «A Terra é azul», sen moita andrómena, nin moito Pushkin, nin moito Kropotkin, viaxou tal día coma hoxe, o 12 de abril de 1961 púxose en órbita e non era estadounidense e o seu nome en clave era Cedro -Gaivota era o nome clave de Valentina Tereshkova que saíu ao espazo dous anos despois- e a súa viaxe durou algo máis de 100 minutos e unha enchenta considerable de gloria posterior, selos conmemorativos, estatuas, hoteis, blogs, medallas, simboloxía de culto, cargo no Soviet Supremo e morte prematura en misión non moi clara

e que a súa nave se chamaba Vostok , é dicir Este, Oriente

e que o señor Yuri Gagarin -así se chamaba, un mozo máis novo ca min cando tecleo isto-, foi a primeira córnea que nos transmitiu a todos a idea de que estamos aquí unidos e á deriva, a primeira córnea en vernos dende arriba, o primeiro gran picado sobre este Este-Oeste-Norte-Sur mal levado, este matrimonio de conveniencia que formamos 7.000 millóns de individuos, cada un coas súas cadaunadas, por non contar insectos, resto de mamíferos, coníferas, peixes teleósteos, arañas, camelias ou vermes mariños

e que as primeiras da nosa especie que viron a un home caído do espazo EN VERDADE foron as dúas labregas Anna Tajtárova e Rita, avoa e neta, que a saber que facían ou de que falaban nese momento, un momento Amanece-que-no-es-poco total, se cadra depelicaban chícharos ou comentaban o pouco que cantaban os paxaros esa primavera, cando se lles apareceu o señor Gagarin en plena leira como un coleóptero laranxa de 1’57, non moi alto para unha cabina reducida, e elas preguntáronlle se viña do espazo, moi tranquilas, a vaca pastando, as moscas revoando, todo normal, si, si, do espazo e teño que chamar por teléfono a Moscú, qué paxaros trae abril, non sei, qué cambio de perspectiva, qué reenfoque, qué será de Rita, 6 anos en 1961, ha seguir viva nalgún lugar deste planeta

E que pinta Emily Dickinson en todo isto, todo o contrario a unha aventureira saudable e enxeñeira?

Emily, unha poeta en órbita, unha tipa que se veste de branco astronauta e se pecha na súa casa de Amherst, Massachussetts, toda a vida escribindo cousas luminosas, que podían ulir a cerrado pero non, cheira máis a cerrado o que escriben moitos viaxeiros cosmopaletos que o que escribe esta clásica locadelcoño e toladosgatos ao mesmo tempo, cousas que poder servir para brindar hoxe [cun ruso branco, señor Nota! ou coa variante Catwoman, tamén!] polo día no que puxemos un pé fóra do noso Armherst, saír e non saír, velaí a cuestión, a Dickinson saía, vaia se saía, chovíalle ben a gusto na cabeciña e aí van dous poemas dela:

1472

Ver o Ceo de Verán
é Poesía, aínda que nos Libros nunca o dirán-
os Verdadeiros Poemas foxen

 378

Non vía o Camiño- os Ceos estaban Cosidos
As Columnas, pechadas-
A Terra deulle a volta aos Hemisferios-
Toquei o Universo

E esvarou cara atrás- e eu soa
Un Puntiño nunha Bóla-
Saín fóra da Circunferencia
Alén do Oco da Campá

Emily Dickinson

Tradución de E…E

Outros День Космонавтики, Días da Cosmonáutica celebrados neste bloj:

2013:  https://estibalizes.wordpress.com/2013/04/12/%D0%B4%D0%B5%D0%BD%D1%8C-%D0%BA%D0%BE%D1%81%D0%BC%D0%BE%D0%BD%D0%B0%D0%B2%D1%82%D0%B8%D0%BA%D0%B8/

2009: https://estibalizes.wordpress.com/2009/04/13/diriase-que/

2011 https://estibalizes.wordpress.com/2011/04/12/tsiolkovki-rules/

2012: https://estibalizes.wordpress.com/2012/04/12/12-de-abril-dia-da-cosmonautica/

 

Yuri, ou Iuri, Gagarin
Yuri, ou Iuri, Gagarin
1220_postcard
Postal de aninovo. Todo moi louco
russian_matchbox_label_04
Caixa de mistos con Laika

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: