6 poemas {en}cantados de Emily Dickinson

Este venres, 25 de abril [de 2014], día da revolución dos cravos. dos cravos fondos, dos cravos inútiles na parede como o do haiku de Susana Benet [De aquella jaula/ solo queda en la pared/ el clavo inútil], dos cravos cravados -como corresponde á súa natureza- en lugares máis brandos ca eles mesmos, da revolución d[e agarrarse a]os cravos [ardendo], e tamén dos caraveis, tamén o día dos caraveis, claro, os cravos coma caraveis apuntalando unha revolución, ese día de abril a Orquesta Sinfónica de Galicia programa un Concerto Extraordinario coa contralto polaca Ewa Podlès e un menú degustación de pezas líricas para a súa voz. Entre elas, un ciclo de 6 cancións do compositor balear Antoni Parera baseadas en poemas de Emily Dickinson.

No vindeiro post penduro as notas que me encargaron. Aquí van as traducións das cancións a galego, para ir abrindo [ou pechando] boca…

6 Poemas de Emily Dickinson

[do ciclo de cancións Towards Emily Dickinson, de Toni Parera]

Tradución do inglés de Estíbaliz Espinosa, marzo de 2014

I.- Un soño longo, longo

Un soño longo, longo, un soño xa famoso
que non presaxia Abrente
nin estrica os Membros- nin unha Pálpebra move
un soño Independente

Houbo algunha vez maiola Tal?
Sobre unha Aba de Pedra
estragar os Séculos
sen unha soa ollada ao Mediodía

II.- Morrín pola beleza

Morrín pola beleza, mais a duras penas
collía na Tumba
En tanto que un que morrera pola verdade xacía
no Cuarto a carón

Preguntoume moi amable «Logo ti, por que morriches?»
«Pola Beleza», respondín
«Eu pola Verdade. Ambas as dúas son Unha;
Somos irmáns», dixo

E así, coma parentes que quedan de Noite
falamos dun Cuarto a outro
Até que o Musgo nos alcanzou os beizos
e cubríunos Os nomes

III.- Eu Anos pasara fóra da casa

Eu Anos pasara fóra da Casa
e de volta agora ante a Porta
non ousaba entrar, non fose que unha Cara
que non vira nunca antes

con baleiro ollar me mirase
e me preguntase qué me traía por alí
«Veño só pola Vida que deixei
Quedou algo dela por aquí?»

Farfallei de puro Nervio
botei un ollo ás ventás
O Silencio a rolos coma o Mar
veu romper ao meu oído

Rin cun Riso acartonado
por lle ter medo a unha Porta
quen xa arrostrou Perigo e Morte
quen nunca ante iso tremeu

Termei da Aldraba
a miña Man, tremelicando
non fose que a terrible Porta abrise nun repente
e me tirase ao Chan

Logo retirei os Dedos
cautelosa coma se de Cristal fosen
tapeime os oídos e igual que un Ladrón
fuxín sen alento da Casa

IV.- Non vaias achegarte de máis á Casa da Rosa

Non vaias achegarte de máis á Casa da Rosa
unha Brisa que arrasa
ou un Orballo que inunda
espanta as súas paredes

Nin trates de atar á Bolboreta
ou rubir pola Reixa da Éxtase
Ficar na incerteza
é garantía certeira de Ledicia

V.- Un sépalo, un pétalo e unha espiña

Un sépalo, un pétalo e unha espiña
unha mañá calquera do verán
un frasquiño de Orballo- unha Abella, ou dúas
unha Brisa- unha viravolta nas Árbores
e xa vos son unha Rosa!

VI .- Este Po Silandeiro

Este Po Silandeiro foi unha vez Donas e Cabaleiros
Mozos e Mozas foi
e risa e talento e Suspiros
e Vestidos e Rizos

Este Desleixado Espazo foi un pazo vivaz do Verán
Alí onde hai Rebentos e Abellas
existe un Circuíto Oriental
e logo, igual que elas, cesa

Versión castelá da mesma serie de poemas, aquí: http://estibaliz.wordpress.com/2014/05/30/6-poemas-encantados-de-emily-dickinson/

Grazas por 

christian-schloe-portrait-of-a-heart

Portrait of a heart, by Christian Schloe

One thought on “6 poemas {en}cantados de Emily Dickinson

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: