
:: o impensable ::
Os biólogos non o dan explicado.
O universo, ao que nin lle vai nin lle vén, non o dá explicado.
En Chernóbil florece a vida.
| Ás 1:23 horas da madrugada do 26 de abril de 1986, produciuse unha grave disfunción no reactor 4 da Central Eléctrica Nuclear de Chernóbil |
Mentres nos despistan coa cara feita un mapa
das dúas Europas
nace unha rolada de lobos en Chernóbil.
Lobos novos
recén feitos.
Aínda coa placenta vermella do
Bosque Vermello do que non se explica.
Xoguetes sen brazos nin pernas obsérvannos
co seu único ollo.
Á famosa noria de Prypiat soben as arañas
e tecen teas, bueh, en fin, un pouco obxecto imposible
de Carelman
cun aquel en plan Escher
Capaces malia todo de arrombar insectos, xoaniñas cos puntos
case puntoecomas, comaquendí. A radiación,
que ten o seu chiste.
Un alce-non- mo- creo
e un oso-estarás-de-broma
e unha zorra- a-que-faltaba
charlan das súas chilindradas radioactivas
coma nun conto ruso, igual,
ilustrado por un Bilibin pasado de voltas
Amanitas muscarias cheas de vida ao roxo
onda o triángulo amarelo que expulsa a vida de alí
[Só expulsa certa vida
a vida
criada
entre signos
parénteses coma esta
ti por exemplo
cousas así].
| Zona de exclusión de 30 qms. na que se prohibiu a entrada a toda vida humana |
Escribo isto sentindo os meus óvulos
chernóbiles perdidos
e os de todas as que me rodean
na Unidade de Reprodución Humana
do Hospital Materno Infantil
Hai arte na era da reprodución mecánica humana
En Chernóbil, a reprodución do vivo
é tamén unha forma de arte
que ninguén se explica
Aura que só mide o contador Geiger
Xeracións a medias, pero adiante
| As árbores enfermas e mortas de Chernóbil aumentaron a biodiversidade |
A cámara de néboa do desexo
de
dar
E aquí dar, dámonos:
dámonos a pensar o impensable
O gran positrón do imposible
A ver até ónde nos ouvean os lobos
Ovulándonos
Ovululándonos coma curuxas unhas ás outras
Quarks dun núcleo verde que se non o vexo non o creo
Oogonias de uz e rosas en cada matriz sen luz
Somos lesbianas, mulleres soas, parellas que non se sabe o qué.
Os mozos da parella obsérvannos ás outras co seu único ollo. Na Unidade
non hai cadeiras para todos. Está que rebenta. Días de pé.
[a Europa de segunda].
A enfermeira descúlpase.
Pide que lle sosteñamos por un momento
o sorrir.
A nós sosténnos o invisible.
Abrairas xa sen mandíbulas.
Sen pernas e aínda de pé.
Embarazándonos do impensable
O bido branco da vida
que aquí
aquí
como en Chernóbil
non se olvida nunca
Pónse en pé.
Era impensable.
E pónse en pé.
Entre plecas e en cursiva
fragmentos do documental Tchernobyl, une histoire naturelle,
Camera Lucida, France, 2009
2014
de …Curiosidade…, vindeiro libro en preparación
Tradución a castelán aquí: http://estibaliz.wordpress.com/2014/05/20/lo-impensable/
[Merci, comentario anónimo, herr professor!]