Fragmento de Richard Feynman, do relatorio «O valor da ciencia»
Orixinal en inglés, artigo completo
Tradución de E…E… Río
Pensei nestas cousas tantas veces estando só que agardo me desculpen se lles traio á cabeza pensamentos que con certeza todos vostedes tiveron algunha vez -ou xusto esta clase de pensamento- e que nunca puido ter ninguén no pasado, dado que a xente carecía da información que temos nós a día de hoxe.
Por exemplo, estou de pé na beira da praia, só, e empezo a pensar. Velaí as ondas precipitándose…montañas de moléculas cada unha estupidamente ao seu…billóns delas formando a escuma branca ao unísono.
Era tras era… antes de que calquera ollo humano poidese ver… ano tras ano, batendo con estrondo como agora mesmo fan. Para quen? Para que? Nun planeta morto, sen vida á que entreter.
Sen descanso, torturadas por enerxía que o sol desperdicia con prodixio, derrama no espazo. Unha pisca fai bruar o mar.
Nas profundidades mariñas, unhas moléculas repiten os patróns das outras, ata que se foman novas máis complexas. Crean outras coma elas…e unha nova danza empeza.
Medrando en tamaño e complexidade…as cousas vivas, masas de átomos, ADN, proteínas…bailando nun patrón cada vez máis intrincado.
Fóra do berce, en terra seca…velaí estamos…átomos con conciencia…materia con curiosidade
De pé fronte ao mar…marabillas que se marabillan…eu…un universo de átomos…un átomo no universo
Se queres escoitar este texto nunha das Placas de Petri Sonoras do XIX Día da Ciencia na Rúa emitidas por radio [Cuac FM e Cadena Ser Radio Coruña] clica aquí.