«contén o alento», microartigo en Sermos

Artigo publicado no xornal en papel  Sermos o 10 de setembro de 2015. Con algunha corrección de último momento -escribir é reescribir para logo amosar as cicatrices-.

contén o alento

Tocouche vivir nun universo no que estás a ler un contido dentro dun continente. Non me refiro a Europa – Europa como continente ou como qué, dá xa non para outro artigo, máis ben para un tratado físico nuclear- senón ao formato. Sílex, papel de xornal, parede, pantalla, holograma… Agora tocoume ser vector dunha idea que chega a ti a través dun material concreto. E esa idea transmuta con cada soporte que a leva a ti.

A idea é o cuestionamiento do que significa contido e do valor que lle damos en comunidade. Un libro é contido engabetado e portátil, elaborado con certos materiais e unha lexitimidade da que ninguén dubida. Que acontece con aquilo algo máis inmaterial? Centro a atención na rede: intrígame observar como tratamos aos contidos dixitais. Ao principio semellaban ter unha aura amateur. Case case ilexítima. Algo pendurado en internet carecía do aval de expertos, non pasaba peneiras. Podía ser- e de feito moitas veces o é– calquera cousa, algo ata apócrifo ou fake.

Agora resulta que, por exemplo, un artigo científico, poema ou conto nunha web xa non se considera inédito. Quere iso dicir que é édito? Case pero. Ninguén o terá en conta, así sexa fabuloso ou mediocre, á hora de facer unha crítica nun medio de comunicación ou de valoralo para un premio canda outros textos fabulosos ou mediocres chegados ao mundo noutros soportes. É un contido? Seica non en plenitude. É un limbo. Parécese máis ao alento contido, algo inminente cuxo significado non debemos descifrar senón simplemente aceptar na cara.

Alento na cara. Forma e contido son o mesmo alento e só o que nos quenta ou nos xea a cara é válido. Por que entón somos reticentes a pagar polo contido útil da rede? Só por terse atopado en internet? Aquí hai un xeito novo de valorar: o que ti estimas de utilidade ou marabilla. O prezo non o fixa o mercado: non hai mercado [aínda]. O prezo fíxalo ti, se queres.

É esa imprecisión o que tememos? Por iso contemos o alento ante o que contén alento [alento útil, alento significativo]?

Estíbaliz…Espinosa

Máis artigos se clicas aquí.

tumblr_nsmh6cSo2S1qz6f9yo2_1280

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: