Un microrrelato que ao final tivo unha vida inesperada.
túnel:: mazá::irmán:: estrela
Xa moi enfermo do corazón e a cabeza, o meu irmán chegou unha tarde a casa con dous billetes de tren.
«Contoume Medal que un dos túneles na liña Ferrol-Ortigueira é un buraco de verme.»
Deixei a froita que estaba a piques de morder a medio camiño da boca.
«Un buraco de que??»
«Se unha vez nel, partimos unha mazá en sentido transversal, sabes? deixando á luz a estrela central do pebideiro, saímos noutro puntointre do espazotempo. Teremos que probalo, ou?»
Marchamos a Ferrol no meu coche, buscamos un hostal no que pasar a noite. Había un xunta unha froitería. Mercamos tres quilos de mazás, pensando nalgún posible regreso. Ao amencer montamos no FEVE das 7:00 am. Levabamos enriba, ademais de moita mazá, libros, cadernos de debuxo e cálculo, arduínos, chapeus, metáforas, navallas, retranca, un chisqueiro. Bo calzado. O meu irmán trouxo o seu piolet, por se nesoutra dimensión se acumulara o xeo.
Ao entrar no túnel partimos unha das mazás -polo ecuador da mazá, non de polo a polo-, vimos a estrela de cinco puntas, sorrimos, agarrámonos as mans, pechamos os ollos.
Saímos polo outro lado, neste texto. E si: o xeo… habelo haino. O xeo delirante do tempo literario, o da páxina en branco.
Ese xeo mantennos xuntos, criopreservados. Vivos para sempre.
Estíbaliz Espinosa, agosto 2015
