2 poemas e moitos ríos- Raymond Carver

Alguén buscoume estes días asociada a Raymond Carver. WordPress chívao todo.

É verdade que traducira un poema seu hai tempo «Onde a agua se une a outras augas». Grazas a esa visita aproveitei para corrixir este arquivo: dirixía aos poemas de Mark Strand en vez de a Carver. Grazas a esa procura nesta web. Unha procura supoño que infrutuosa. Sinto. Agora xa está aberto o camiño. O camiño cara ao río e Carver. Carver segue alí, imaxino, sentado onde sempre. Coas súas cousas, as súas canas. Sentadiño.

E iso fíxome lembrar que había moito tiña a intención de traducir outro poema seu, outro poema con outro río, ou un río en concreto. «O cabalete». É un poema que me toca tanto, que se me fai un nó mariñeiro nas cordas vogais sempre que o leo.«Unha vez, e outra vez, e outra».

Xuntarei os dous poemas nun arquivo e pendurareinos tamén aquí. Para os amigos de Carver e dos ríos, para esa anónima que buscou a Raymond Carver tendo algo comigo. Porque me fixo sorrir.

2 poemas no río

Raymond Carver

Onde a auga se une a outras augas

Trad. E. E. Río

Adoro os regueiros e a música que fan.
E as correntes, entre devesas e claros, antes
de escolleren devir regueiros.
Adóroos sobre todo
polo seu sixilo. E case esquezo
das fontes!
Hai algo máis fermoso ca un manancial?
Pero as grandes correntes moito me prestan tamén.
E os lugares nos que as correntes flúen aos ríos.
As bocas abertas dos ríos cando se xuntan co mar.
Os lugares nos que a auga se une a outras augas. Eses lugares
fican na miña mente como sagrados!
Pero esas desembocaduras!
Ámoas como outros aman os cabalos
ou as mulleres atractivas. Algo me ten
esa auga veloz e fría.
Só con mirala aceléraseme o pulso
estreméceseme a pel. Sería quen de me sentar
durante horas ollando estes ríos.
Ningún é igual a outro.
Teño 45 anos.
Alguén me crería se dixese
que tiven 35 unha vez?
O meu corazón baleiro e seco aos 35!
Houberon pasar outros cinco
antes de que volvese fluír de novo.
Vou botar aquí esta tarde o tempo que me pete
antes de deixar o meu posto ás beiras do río.
Moito me prestan, ríos adorables.
Adóroos cara atrás, cara a súa fonte.
Adoro todo canto me desborda.

23.jpg
Polaroid de Andrei Tarkovsky

O cabalete

Perdín o tempo esta mañá, e estou moi avergoñado.
Fun para a cama onte á noite pensando en papá.
Naquel regato ao que iamos pescar –Butte Creek-
preto do Lago Almanor. A auga anainoume ata durmirme.
No meu soño, estaba por todas partes e non podía erguerme
nin mover. Mais cando espertei cedo esta mañá
fun dereito ao teléfono. Aínda que
o río fluía val abaixo,
polos prados, correndo entre os trevos.
Os piñeiros a ambos lados da veiga. E eu estaba alí.
Un neno sentado nun cabalete de madeira, mirando abaixo.
Vendo ao meu pai beber acuncando as mans.
Daquela dixo: Esta auga é ben boa.
Gustaríame darlle unha auga así á miña nai.
O meu pai aínda a quería, mesmo que xa morrera
e pasara tanto tempo lonxe dela.

Tivo que agardar uns anos máis
para ir onda ela. Pero el amaba
esta terra na que se encontrou a si mesmo. O Oeste.
Durante trinta anos a terra levouno no corazón
e logo deixouno ir. Deitouse unha noite
nunha vila ao norte de California
e xa non espertou. Que hai máis sinxelo ca iso?

Gustaríame que a miña propia vida, e a morte, fosen así de simples.
Así cando espertase nunha fermosa mañá coma esta,
logo de ter pasado a noite onde a quixese pasar,
nalgún lugar importante, dirixiríame con toda naturalidade
e sen pensalo moito cara a miña mesa.

Digamos que o fixen, tal e como o describín.
Da cama á mesa e volta á infancia.
Dende alí non queda lonxe o cabalete.
E dende o cabalete podo mirar abaixo
e ver ao meu pai cando o necesite.
Meu pai bebendo auga fresquiña. Meu querido pai.
O río, as pradarías, os piñeiros e o cabalete.
Ese mesmo. No que sentei unha vez.

Oxalá puidese facer iso
sen ter que me desculpar ante min mesmo por tal cousa.
E sentir mal comigo mesmo
por enlearme en parvadas.
Sei que é hora de cambiar de vida.
Esta vida – a das complicacións
e chamadas de teléfono- é indigna
e unha perda de tempo.
Quero mergullar as mans na auga clara. Como el
facía. Unha vez, e outra vez, e outra.

2 pensamentos sobre “2 poemas e moitos ríos- Raymond Carver

  1. Boas!! Pois eu pensaba que fora un problema de rede ou do ordenador, porque arranxaches o enlace en seguida. Pensaba avisarche se non funcionaba, pero vexo que as conexións internáuticas son moito máis rápidas que o meu razoamento lóxico.
    A tradución dos poemas, ou versión en galego, paréceme moi boa, anima a reler. Grazas tamén. 🙂
    Pendurei na rede un enlace a este poema. Non sei se debería terche pedido permiso. Desculpas se é así, é a primeira vez. 😉
    un saúdo de desenlace

  2. Grazas, ho!

    Non creo que as conexións internáuticas sexan máis rápidas que certos razoamentos lóxicos… ou que TODOS os razoamentos lóxicos. Que cando menos nos quede unha pisca de orgullo encefálico… 🙂 Pero si, moitas veces aproveito as búsquedas do wordpress para corrixir ligazóns que vexo que xa non van, pulir cousas, cambiar un tipo de letra que nesta interfaz xa non funciona… Así que son moi útiles.

    Grazas polo enlace ao poema. Pendúroo aquí para espallalo, precisamente. Tudo bem!

    Saúdos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: