:: animalia felis catus ::
aínda que non queira, para H.
Non sei que tal lle iría á beleza
sen vós.
Dende logo á física cuántica
mal.
[Filo: Chordata]
No reino animal, a vosa autoestima é envexable:
credes Genghis Khan por aí a marcar territorios
e o noso corazón con pelos.
[Subfilo: Vertebrata]
De abrírense algunha vez
a caixa de Pandora e a de Schrödinger
irían cheas de michos:
gatas tricolores adoradas no Xapón
atigrados a cazar moscas invisibles
os belísimos rusos azuis, pousando para Akhmátova
e seguro habería un Monsieur Chat
amarelo coma un electrón
e un Gatipedro ante unha cunca
falando de mecánica de fluídos
e un Cheshire que aparece e desaparece:
así sonche a física subatómica
e a natureza do gato bravo.
[Orde: Carnivora]
Un intre para o meu favorito absoluto:
o siamés que tiven de nena
– máis ben tívome el a min:
quen é quen de posuír un gato?-.
Rabudo e sibarita
amoroso só para min.
Cicatrizándome a gatiñas.
[Clase: Mammalia]
Non sei que tal lle iría á beleza
sen vós.
Dende logo á literatura
peor.
[Familia: Felidae]
Xa me estades bufando
ben me soa o voso desdén.
Esas orellas adiante-atrás:
o logo do escepticismo.
Ronroneádeme o poema, anda,
felis felices ante a sapiens que dubida
e escribe con tinta teimosa teimosa…
[Especie: Felis silvestris]
As vosas pupilas: comportas
de universos siameses a este. Prrrrr!
Gatos en laboratorios, gatos exipcios
mortos de curiosidade
o Sphinx con tacto de papiro,
a Grumpy Cat anoxada coa galaxia,
-acaricíaos a contrapelo e vibrarás
de electromagnetismo-,
o Michiño aquel hipnotizado no colo
ante o meu irmán cun carboncillo,
o Korat divino de ollos kryptonita
despegado dun libro tailandés, Smud Khoi.
Sempre sexis. Eterna fotoxenia.
Sempre a nos reinventar en sete entregas.
Ghatos a varrer, ghatos clonándose
no espello. Lambonas pero elegantes
ecuacións por unha raspa de peixe.
Bigotes doutro planeta
ao axexo, esmendrellando
en bucles animados, á xaneira…
E que nome lle damos á gata, señor Eliot?
Gata Eliot?
Se ten tres nomes! Euquései!
Michos, michos, michos!!
Algo sabedes… Sempre sabedes!
E calades. Pestanexades.
Miaaaaaaaaaaouu!
A beleza é como como a física cuántica:
inefable, quark, escura…
e cun gato por entre as pernas.
Estíbaliz…Espinosa, 2015