En maio de 2015 tiven unha conversa con alguén doutro país, do corazón de Europa, nunha illa do Mediterráneo. Falabamos inglés, malia non ser a lingua nativa de ningún.
Unha pregunta trivial, nun contexto relaxado, nunha habitación lonxe das nosas casas, converteuse nunha cuestión urxente, estarrecedora, só tres días despois cunha catástrofe humanitaria no mesmo mar que lambía aquela illa divina, estelar. Aquela pregunta inxenua daba paso a outra pregunta, que a devoraba.
Como se nada cando non se ten nada? Como se nada fuxindo da morte para atopar a morte? Como se pode non ter que preguntar iso?
Non sabiamos que moitos meses despois esas preguntas seguirían petando nas portas e fronteiras do seu país e do meu convertidas nunha masa de singularidades desatendidas, de corpos que non teñen onde nin con que. O océano éntranos até a cociña aos Atlánticos e Cantábricos, mentres as respostas e as mans precísanse cada vez máis no Mediterráneo.
Para o IV obradoiro de tradución, Con barqueira e con remador, celebrado na illa de San Simón o pasado mes de outubro, o escritor e tradutor Lawrence Schimel fixo unha tradución ao inglés dun pequeno poema que xorde diso.
| Habitación 23 |
—What’s the difference between swimming in an ocean or a sea?
—The smell, the marusía… perhaps the kind of waves
Aos tres días, mil vidas no fondo da Mediterrània
coas costas europeas no fractal da pupila.
Para unha das dúas preguntas
a física só ten un gato
nunha caixa.
O sapiens chamouse sapiens para dar resposta a esa pregunta.
Estíbaliz Espinosa, maio 2015
| Room 23 |
“What’s the difference between swimming in an ocean or a sea?”
“The smell, the marusía… perhaps the kind of waves”
Three days later, a thousand lives on the bottom of the Mediterranean
with European coasts in the fractal of the pupil.
For one of those two questions
physics only has a cat
in a box.
The sapiens called himself sapiens to answer that question.
translation by Lawrence Schimel