A cultura é perigosa. No nome da Cultura faise ás veces de todo. Pídese de todo. Infrínxese de todo. Inflíxese de todo. Constrúese de todo. Róubase de todo. A cultura, entendida baixo certos parámetros, pode converterse nun elemento de coerción que beneficia a uns poucos a costa do traballo alleo. Dinamizadores da cultura. Dinamitadores ás veces? Máis do de sempre?
Onte na Feira do Libro da Coruña intercambiei algunhas impresións con colegas de profesión (ilustradoras, libreiros…) sobre o espiñento tema dos honorarios ou royalties a cambio do traballo de creación de contidos, da música, etc.
Durante moitos anos deume vergoña dicilo, pero xa non: dos 5 libros individuais de poesía que levo publicado [non conto un libro de relatos en Creative Commons, iBooks, nin un libro dirixido a nenxs, nin as moitas colaboracións en libros colectivos, antoloxías, prólogos, revistas, xornais, traducións e demais] só cobrei royalties, a porcentaxe do 10% da venda, nun deles.
Só nun caso.
Nos demais, ben cobrei un premio, noutro caso o premio era a publicación [así sen mais, sen cartos], noutro caso ignoro que pasou e noutro caso cobrábase en especie [libros].
Das miles de descargas de documentos propios que leva esta web, por suposto, nin un 1% doou absolutamente nada. Descargáronse, igual léronse [isto xa é conxectura, claro], traballáronse en aulas, reproducíronse, citáronse, pero moi pouca xente considerou pagar nin un euro por eles. Como dicía El Roto nun deses chistes que che fan rir ao revés, coa boca torta: «La cultura es muy valiosa.» «Siempre que salga gratis, claro.»
De que viven, pois, as persoas que debuxades, escribimos, divulgades ciencia ou tocan arrebatadamente o theremin?
É unha boa pregunta, unha pregunta que ata non hai moito, era tabú [quizais ségueo sendo, porque haberá de certo quen se sinta incómodo lendo isto, sobre todo aqueles e aquelas que SI cobraron, e moito, e SI viviron, e ben, do traballo de maduración creativa -ou simplemente compositiva, a palabra «creatividade» é un mantra sobrevalorado- dos demais], xa que a impresión tiña que ser que viviamos disto. De cobrar polos libros que vendíamos, deses premios fulgurantes, do prestixio do papel impreso…
Non teño resposta aínda. Non sei de que sobrevivo. Só sei que, ao labor de escribir, traducir, artellar… engádese agora outro máis: o de ter que explicarlle á xente que che pide ir recitar de balde, mandar textos de balde [falo fóra dun marco de acto benéfico, claro, ou de iniciativas realmente pequenas, incipientes ou carentes de orzamento], que iso de traballar gratis é un luxo que non sempre nos podemos permitir.
Velaí a miña frase fetiche: «Traballar gratis é un luxo que xa non me podo permitir» [e no subtexto penso: e ninguén, tampouco ti, debería permitirmo].
Sabemos de sobra desas iniciativas, institucións, proxectos etc. que á hora de venderse fanse grandes pero á hora de pedir colaboracións fanse pequeniñas, desmanteladas, tristemente vivindo da caridade. Logo descubres que reciben subvencións, axudas, etc. pero ese parece outro cantar. É certo que a cousa mellorou moito dende hai uns anos, así e todo dista moito de ser ideal e, sobre todo, parte da conciencia colectiva. O traballo de creación de contidos aínda semella destinado a doarse eternamente, como unha inspiración divina, porque se non sentímonos culpables de non facer cultura, de non facer país, de estarnos perdendo algo.
Xa non me sinto culpable por iso. É máis: síntome culpable se acepto tales condicións en certos contextos. E poño un exemplo real, do mundo real, de hai uns meses: alguén dun goberno municipal galego dirixiuse á AELG para convidar a escritoras e escritoras a celebraren o Día das Letras Galegas ao seu concello, distante x quilómetros de calquera sitio, recitando textos propios e alleos. Escribinlle para preguntar polo orzamento destinado a tal actividade. Respondeume: había subvencións da Xunta e da Deputación, pero para os escritores/as pedíase, dados os tempos que corren, o altruísmo de acudiren de balde [bueno, pagando, en verdade, xa que o desprazamento tamén correría por conta deles] pois non había orzamento ningún.
Isto que estou contando é algo que se leva a cabo como algo normal, habitual, no campo literario, artístico, musical e tamén [comprobeino en 1ª persoa] no eido da divulgación científica. De feito, unhas semanas antes alguén doutro concello chamoume para acudir a un diálogo con outra persoa [que si cobraba] no marco dunhas charlas con escritoras, ou algo así, e promocionar a miña obra. Iría de balde. A cambio de, ehem, visibilidade e promoción. O chiste do asunto é que, antes de eu darlle a miña resposta, comezoume a seguir en twitter. Cando lle respondín, e foi con cortesía, deixoume de seguir. WTF? Gústache o que chío ou era un follow protocolario destinado a caerme ben???
A resposta clásica: «Pois se non che interesa, non vaias», coido que aquí xa é non computable. Por suposto non fun. Pero o que pretendo é que se saiban e non se acepten xa tales regras de xogo. Se non vou e calo a boca, alguén haberá que pique. E a noria a xirar.
Copio e pego, xa cansa, a miña contestación ao técnico do concello de X. que pedía escritores para celebraren as Letras canda eles lendo [e ben] en público:
«Ola, bo día X., e moitas grazas pola resposta
Son da opinión completamente contraria a que esta súa frase «considerando que a situación económica actual do noso concello e do país en xeral necesita de políticas e accións que respeten e valoren os intereses de toda a cidadanía» se sustente con actividades de balde.
Por desgraza, a súa actitude non é a excepcional nos concellos e outras institucións pagadas con diñeiro público, senón moito me temo que é a tópica, cando menos nos 20 anos de experiencia que teño nese sentido: organizar actos culturais que contan con escritores que pagan (gasolina, tempo, esforzo) por asistir a un recital, presentación, etc. Iso, con todos os meus respectos, non «respecta os valores da cidadanía», nin supón unha política cultural coherente. Por suposto, sempre haberá quen estea disposto a acudir, porque vive de rendas, ten outro traballo ou simplemente non o pensou moito.
Para os que levamos traballando anos neste eido, de balde, poñendo cartos, ás veces non recibindo nada a cambio, e aínda por riba estamos no paro ou vivimos por debaixo do limiar de pobreza ou temos fillos/as que manter ou simplemente queremos que a profesión de escritor/a se dignifique dunha vez… isto é máis do mesmo. Non é o que a política deste país precisa, sinto contradicilo. É precisamente o que xa non necesita.
O que a política deste país necesita, humildemente llo digo, é que o traballo, todo tipo de traballo, se pague xustamente. Que os grandes salarios da política, os grandes dispendios municipais -que habelos, hainos- se reduzan para deixar paso a actividades dignas e de sostén cultural (como pode ser un recital, unha ilustración, fotografías, deseño gráfico, unha tradución entre moitas outras) remuneradas na súa xusteza. Se hai quen quere facelo gratis pode ofrecerse esa posibilidade, canda a posibilidade de cobrar. Pero verá como, quen máis e quen menos, neste país vai agradecer traballar por el cobrando como cobran outros e outras que din traballar moito a prol do país.
Por suposto, é unha opinión persoal. Pero agardo que non caia en saco roto. Se hai orzamento para a actividade, se vai haber cartaces, folletos, anuncios… todo iso non se vai pagar? Igual que se paga a unha imprenta que imprime ou a un xornal que anuncia, hase pagar a os creadores/as que concorren. O resto son argumentos de perogrullo. Non digo isto con ánimo de ofender, senón de facer recapacitar. Creáme que temos que facelo constantemente e, moito máis, cos concellos ou con institucións públicas que queren argallar unha actividade cultural vistosa contando co traballo alleo dando por feito que é unha responsabilidade de «facer país» non darlle un peso a cambio. Míreo dende fóra: cartos públicos empregados para darlle resonancia ao concello e para entreter e agradar aos seus habitantes a cambio de explotar a uns poucos alleos, baixo o argumento do altruísmo.
Que vostede renuncie á dedicación non é exemplo. Igual vostede pode permitirse ese luxo. Non cre inxusto agardar dos demais a mesma actitude? De verdade cre que iso é altruísmo? De verdade cre que traballar gratis pode denominarse a estas alturas «altruísmo»? Eu estou facendo unha mudanza. Unha mudanza eu soa. Lévame moito tempo. Aceptaría ir recitar a X. se a concellería de cultura de X. se achega a Coruña en contrapartida a realizar esa mudanza de varias horas comigo. E non pido altruísmo. Sería un troco, un intercambio de bancos de tempo.
Educar aos políticos e políticas deste país a que entendan que «facer país» non significa traballar de balde en segundo que eidos (nomeadamente o cultural, que semella sempre o eido que ten que sacrificarse non sei moi ben por que), é un traballiño en si mesmo. Eu estou roubando horas do meu tempo para tratar de facelo entender con argumentos sinxelos e de primeira man. Non o vou chamar «altruísmo», creáme que me soa pretensioso. Fágoo porque quero concienciar disto aos que estades do outro lado e pedides e pedides en nome do país.
Todas e todos traballamos de balde en mil asuntos (axudando e apoiando a familiares e amigos, poñendo en marcha proxectos incipientes, en actos benéficos, presentacións, colaborando en webs, blogs, tumblrs…), pero un concello que seguro paga aos que van animar as festas coa súa música, aos que adornan con luces de nadal a praza, aos que imprimen a varias tintas cartaces anunciando eventos… que pida altruísmo a un sector de escritores ou escritoras e que ese altruísmo sexa ir traballar de balde ao seu concello polas Letras Galegas…non se sostén con ideoloxía política ningunha, nin de dereitas nin de esquerdas. Tampouco con sensatez nin sentidiño.
Outra cousa é que haxa xente que se ofreza para facelo (imaxino: un poeta local, un familiar ou veciño, alguén que coñecedes e se ofrece…). Pero pedilo de antemán e dirixirse expresamente á Asociacións de Escritores deste país xa non me parece ético.
Estou visibilizando este tipo de argumentos porque creo que non hai maior altruísmo, nos tempos chantaxistas, sobornados e panameños que corren, que darlle o que se merece a quen o traballa. Aínda que sexa un escritor ou unha escritora.
Por favor, se non hai cartos, non o fagades. Ou recitade vós mesmos ou os vosos familiares. Se hai cartos, repartídeos ben: hai para todas, seguro. Recapacitade sobre o que estades pedindo. E revisade o concepto de altruísmo.
Grazas e un saúdo»