Pasaron os meses dando vida, para ela. Unha «estranha forma de vida» que se dá como se dá coa palabra, con alguén pola rúa, cun obxecto que perdimos hai tempo e tempo había xa que non buscabamos.
«A imaxinación da natureza é moito, pero moito máis grande ca do ser humano». Dicíao Feynman. A ciencia brinda interesantes imaxinacións. Ela deu coa imaxinación da ciencia para darse vida, algo tan pouco de moda entre a intelectualidade, algo tan «vulgar e instintivo».
Ela defende o intelecto da muller que non fai exactamente o que teria feito un home. Ese nesgo. Esa bifurcación no cromosoma.
Ela defende o cerebro que é «cerebra», a creadora /destrutora, a ideadora, a muller que vive da tinta, e pode ser nai e visibilizar aos fillos. Non agochalos. Non poñelos trala súa suposta carreira literaria ou científica. Poñelos na súa suposta carreira literaria ou científica. Ou carreira de calquera tipo. Correr con mamas. Correr con bebés colgando en portabebés. Correr coa infancia toda metida entre as cellas. Leva desvantaxe? Quizais. A ela iso non lle asusta.
Xa nada lle dá medo porque sabe que quen ten medo só será quen sente no lugar confortable, a poltrona alimenticia canda o poder do momento, dende onde non se descubre nin albisca nada novo.
Ela sabe que a curiosidade non é iso. É, xustamente, o contrario a todo iso.
***
Pasaron os meses dando vida, para ela.
Cantas vidas se perderon neses meses? Innúmeras. Vidas de mulleres a mans de homes. Vidas no fondo do Mediterráneo, ese mar que ten a Europa da Terra, cando a Europa de Xúpiter ten mares baixo o xeo e, neles, a posibilidade de vida. Vida se cadra máis considerada ca esta.
Cantas vidas se perderon neses nove meses?
A imaxinación do humano para dar vida é o que leva e levou dentro, remexéndose, chuchándolle o ferro do sangue, dándolle patadas. O que se Descoñece e se Ama de antemán. O que Fascina como un sinal de púlsar cando ninguén sabe qué vén sendo un púlsar.
A imaxinación do humano ten o pulso da vida que se abre, intermitente, punxente, sen reparar en enerxías.
Pero ao mesmo tempo.
A imaxinación do humano para dar morte está triste e horriblemente viva.
Estíbaliz…Espinosa, 2016
