O xoves 11 de agosto ás 13:00, nunha sesión vermú n’A Escondida [Espasante, Ortigueira], lerei algúns textos e proxectarei algunhas constelacións falando do ceo de agosto neste lugar do mundo. Será un Vermú Estrelado adobiado coa Sopa Morna con Estrelas que preparará Marina Oural, nunha programación de Sesións así de solaina e copa que ela mesma artella neste mítico local de Ortegal.
Igual non ides andar por alá e esta información sóbravos. Pero igual si, e apetécevos. Será de balde.
1ª PARTE Na solaina- 20 minutos
Un recital de textos que teñen que ver con estrelas, vermús e furados negros. Dende Bukowski a Szymborska, dende Carl Sagan a Rosalía, canda poemas propios nun martini ao estilo Bond: mesturado, non axitado. Farémolo fóra.
2ª PARTE Na penumbra -15 minutos
Un repaso ás estrelas e constelacións que se poden ver este verán dende un enclave como Espasante, ou a chuvia de Perseidas que o día 11 estará no seu apoxeo. Farémolo dentro.