Cinco compositores escolleron cinco lenzos do fondo permanente do Museo de Belas Artes da Coruña. Con esas obras en mente e unha letra tomada dun poema elixido tamén por eles, artellaron unha partitura para guitarra, cello, violín e mezzosoprano.
O resultado deste experimento estreouse o domingo, 7 de maio, a mediodía no auditorio do propio Museo. Foi un privilexio formar parte do grupo de intérpretes como mezzosoprano. Malia a dificultade que supuxo para min interpretar música contemporánea, era a primeira vez que o facía , tomeino como un desafiante honor.
As 5 pezas musicais para voz baseadas en 5 cadros e noutros tantos textos foron encarga do propio Museo. Para completar o concerto, os autores brindaron outras 5 obras instrumentais. Foi un xeito de sacar á luz re-interpretativa obras dunha colección permanente que habitualmente vemos colgadas nunha parede, non cantadas e como fondo de escenario, como pretexto.
Os cinco compositores, por orde de interpretación: Ramón Otero Moreira, David del Puerto, César Viana, Israel López-Estelche, Hugo Gómez-Chao Porta.
Os cinco cadros do Museo de belas Artes: Mariña Surrealista, de Urbano Lugrís; a Caída de Ícaro, de Jacob Peter Gowy; Tensión para un equilibrio, de Felipe Criado; Interior de Catedral, de Jenaro Pérez Villaamil; e Florero, de Juan Arellano.
Os cinco poetas, tamén na orde de interpretación: Manuel Antonio, Ovidio, Maritza Núñez, David de Puerto e Abraham Gragera.
Os catro intérpretes: Despina Ionescu (violín), José Manuel Dapena (guitarra), Alejandra Díaz (cello) e Estíbaliz Espinosa (mezzo).
As obras totais foron 10, 5 delas, as que levaban voz, estreas absolutas. Das 5 obras que cantei podo dicir que cada unha conformaba un microcosmos en si. O misticismo cheo de elementos naturais (barco, vento, gaivotas…) de Nós, que abriu o concerto, con esa deriva lírica tan ben capturada do poemazo S.O.S. de Manuel Antonio, e o onirismo sempre ben perfilado de Lugrís. Ramón Otero explorou as sonoridades dos instrumentos, os cambios de compás como un compás (brújula neste caso) desnortado cunha voz que entra como un fatum. Por momentos soaba a lenda mariña, a fatamorgana, a raio verde, a lume de San Telmo…
Ou a traxedia case de Butoh (a arte post-bombardeos atómicos da que me falou o compositor, César Viana) desa especie de narradora-visionaria que ve a caída de Ícaro en Penas (palabra polisémica que tanto se refire á rochas contra as que se precipitou o mozo, como á aflición profunda de ver morrer un fillo). A traxedia da hybris (esa marca da traxedia grega que é o querer saírse dos límites dos deuses), coas ás que o seu propio pai, Dédalo o enxeñeiro, artellou para fuxiren do labirinto. Un contrapunto escuro, fúnebre, con caídas tonais e remontadas, como a propia traxectoria do desgrazadado rapaz que voa demasiado preto do Sol, batendo ás pegadas con cera.
Ou esa esquizoide historia entre unha muller e a morte, en tres cantos que diverxen, piden acrobacias instrumentais e vocais e rematan nunha especie de canto de berce tan macabro como doce e arrolante: os Tres cantos con tensión, de Israel lópez Estelche, unha guitarra destemplada, un cello alucinado e unha voz que se desacompasa e pugna por fuxir. Contrasta coas cores cálidas do lenzo homónimo de Felipe Criado.
Ou as distintas irisacións polas que pasa a melodía entre engaiolada e engaiolante de En el atardecer, entre «espuma de luz», «hebras de luz tierna» o «fantasmas que anhelan una estrella». David del Puerto esmalta unha vidreira chea de pequenas historias, dende desacougantes a chinesas, pasando polos claroscuros dese óleo de Jenaro Pérez Villaamil, Catedral, que serviu de telón de fondo. Cun tempo ás veces jazzístico, a guitarra e o violín levan un aire e a voz trae outro.
Ou o estaleiro vexetal que é Vanitas vanitatum, unha composición da descomposición de fonemas lingüísticos e musicais, unha especie de bomba de flores na que vemos revoar os pétalos para adiviñar de que especie proveñen (entre susurros). É obra dun novísimo Hugo Gómez-Chao Porta, quen tamén acometeu o difícil labor de dirixir o concerto. O poema base é Estrella fugaz, un texto espléndido de Abraham Gragera. E o cadro, un Florero pleno de claroscuros, de Juan de Arellano.
As outras 5 pezas instrumentais, coa sorpresa do shakuhachi tocado por César Viana, foron: a chispeante Luciérnagas, de David del Puerto; Todo en el aire es piel, de Hugo Gómez-Chao Porta; o solo de guitarra Ventar de árbores, de Ramón Otero Moreira; a fantasmal In memoriam le bruit cessa…, de Hugo Gómez-Chao Porta e In time of daffodils, un intensísimo solo de cello baseado nun poema de e. e. cummings e obra de César Viana.
Moito mellor ca min, invocando a sinestesia como fío conductor desta proposta, contouno o crítico musical Julio Andrade Malde para a revista Scherzo:
http://www.scherzo.es/content/cr%C3%ADtica-sinestesia
Estes son os lenzos da colección permanente «sinestesiados» a música:
Pinchando aquí accededes ao folleto do concerto: Museo Belas Artes da Coruña: Concierto_5 compositores para un Museo- 7 de maio de 2017-PRIMAVERA




