A profesora de tecnoloxía do IES Menéndez Pidal da Coruña, Paz Freire Campo, convidoume polo Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra hoxe 11 de febreiro, dende o ano 2015. Cando amosei unha imaxe da Vía Láctea, só 5 adolescentes dun total duns 60 viran algunha vez a nosa galaxia. Igual que a Vía Láctea é invisible na meirande parte das nosas cidades e porén está aí, moitas mulleres con achegas significativas en Ciencia e Tecnoloxía ao longo da historia son invisibles pero están aí. Así comecei a miña charla na que revisamos algunhas delas.
Un dos alumnos que nunca observara directamente a Vía Láctea sabía, en troques, que existía un elemento químico, un dos sintéticos, nomeado en homenaxe a unha muller. É o meitnerio, elemento radioactivo con número atómico 109. A muller á que honra é Lise Meitner, xudía austríaca e investigadora na fisión nuclear. É a única muller honrada na táboa periódica, ferramenta cognitivo-visual que, non obstante, non conta tampouco con moitos nomes de elementos químicos honrando persoas [o curio, polo matrimonio Curie, o copernicio por Copérnico, o einstenio por Einstein, o fermio por Fermi, o nobelio por Nobel, o mendelevio polo propio pai da táboa: Mendeléiev… e poucos máis].

Recuperar, dignificar e espallar as achegas das mulleres é un traballo fundamental para que as nenas non vexan as ciencias como algo alleo, como algo que non se lles dá ben, que é mellor para nenos. Como puntualizaba a divulgadora Natalia R. Zelmanovitch no seu twitter, non se trata de que todo o mundo escolla carreiras de ciencias. Trátase de visibilizar modelos femininos en ciencia, dende logo, mais non menos importante é visibilizar a ciencia en si como parte da cultura humanística.
A fisión nuclear foi clave no desenvolvemento da bomba atómica e por suposto da enerxía nuclear. Lise Meitner nunca recibiu o Nobel xa que, sendo xudía e perseguida no nazismo, Otto Hahn [quen si o recibiu polo mesmo descubrimento e con quen mantivo correspondencia] optou por obviar o seu nome na investigación premiada e, dalgún xeito, obviala tamén a ela.
Na enerxía de fisión «desglósase» [a palabra técnica adoita ser «bombardéase», pero permíteme usar un termo máis filolóxico] con neutróns o núcleo dun átomo de uranio [ou outro elemento pesado] e obtéñense elementos máis lixeiros, liberando unha cantidade de enerxía magnífica, extraordinaria. «Desglosar» os descubrimentos científicos de gran magnitude nos seus elementos protagonistas é un modo de liberar a enerxía extraordinaria que o traballo conxunto de mulleres, homes…pode dar de si.
