Esta é a imaxe REAL [non as míticas recreacións artísticas ás que estamos acostumad*s en astronomía] sen dúbida extraordinaria de SpaceX: o manequín Starman [si, polo mítico tema de Bowie] a bordo dun Tesla descapotable vermello na cápsula enviada polo vehículo de lanzamento espacial Falcon Heavy o pasado 6 de febreiro dende EEUU.
A cápsula con ese coche e o seu ocupante dummy ten previsto chegar á órbita de Marte -malia que polo visto a traxectoria desviouse e vai camiño do Cinto de Asteroides-.
Hoxe e o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Gustaríame saber se esta imaxe icónica do progreso científico e tecnolóxico [a tecnoloxía do coche híbrido, a ciencia da exploración marciana, o negocio do turismo espacial] resúltavos masculina -ou esperablemente masculina-, ou non vos parece pertinente esta cuestión. Despois de todo, as mulleres conducimos, podemos conducir descapotables vermellos melena ao vento [solar; ou mellor non, porque nos fritimos de radiación], e podemos sentirnos incluídas no masculino neutro «man» de Starman…non?
Cabería esperar que cando Starman chegue a Marte ou -por ventura e milagre- a algún asteroide e quite o escafandro tivese sido todo o tempo Starwoman? Unha barbarella loira, ou negra ou rubia? Ou unha especie de Orlando woolfiana que cambia de xénero?
Detalle da mensaxe que leva impresa o Tesla viaxeiro