Hai moitos anos eu gravava vídeopoemas co móbil. Vídeos infames coma este ou coma este. Tan tan arrepiantes que xustificaron unha expulsión inmediata da sinagoga cultural e un linchamento nas redes sociais daquela – linchamento do que por suposto eu tiven toda a culpa -por parte da xente que sabía máis-moito-mellor do tema, malia que por desgraza nunca saberemos quen eran exactamente: linchaban como anónimas.
Tempo despois producín este fantástico videopoema de Pablo Gallo a partir dun texto de Zoommm. Textos biónicos [Xerais, 2009].
E hai uns anos, con motivo dos recitais Tinta Roja na libraría La Central, fun convidada por Ana Cibeira, a artelladora do ciclo, xunta a gran poeta asturiana Sofía Castañón. Para aquel encontro a fotógrafa, realizadora e documentarista Sandra G. Rey e eu artellamos un vídeo [máis ela que eu] que acompañaría un dos poemas, «Lingua sobrenatural».
Acaba de saír publicado en papel curiosidade, onde aparece ese texto, aínda que igual moitxs xa coñeciades este poema que levo recitando regularmente dende 2012 e sempre é acollido con cariño. Hoxe penduramos publicamente aquel vídeo para un poema. Disfrutádeo, mu!!!


