escritora ti? non

fd4f98fcf9a829953c93e35fc1ac8272.jpg

E ti pregúntasme que significa ser escritora?
Está claro que ti, querida Eduarda, non o es.

Levas escribindo dende os 6 anos pero a ver se vas crer que iso
significa ser escritora.

Publicaches máis de media ducia
de libros.
Pero iso non significa ser escritora.

Nin ter participado en máis de 60 libros colectivos. Non.
O de ter visto pola xaneliña dun avión
Bos Aires, Londres, la Guaira ou Barcelona
só para ler poemas teus
non significa nada, Eduardiña.

Que leves unha web [mal]feita por ti dende hai unha ducia de anos
na que dás a ler textos propios
e a xente mira, descarga e igual é que os le…
qué vai ser escribir!!
Escribir é outra cousa, muller.

Traduciches a poetas? E que?
Escribiches sobre mulleres en ciencia, vale. E que?
Traducíronche a nonseicantas linguas e blablablá.
E a min que me contas?

A ver, que si, que gañar premios está moi ben
que ir a colexios, cárceres, bibliotecas,
librarías, planetarios, monumentos
a non rimar –que non sabes- sen emolumentos
a cantar, cantar, cantares
a prologar, presentar, glosar e explorar
os setes explorares
ten moito mérito, si!!
Pero xenio? Ningún.

Xa podes levar na fronte unha supernova
e no bico un flow
xa podes ver o cosmos na avelaíña Cosmia
e na cosmética do carmín
unha M42 que abre unha boca nebulosa:
a boca está muda, fala esa boca?

Será boca de moitas cousas, Eduarda,
pero non sae dela voz de escritora
nin poema tras poema, nin relato tras relato
nin probeta tras probeta, nin ano tras ano.
Por moito que rimes e que non rimes, por moito que mudes a perspectiva
poñas cabeza abaixo a páxina, a vaxina boca arriba
cambies de sexo o texto do mundo…
a ver, vas facer dano, muller, vai parando e o que che resta asume.

Vas caer, Eduardiña, vas caer.
De tanto querer dar coa palabra
a palabra deu antes contigo
e dar, deuche de todo.

Es o micho ese que sae en todas partes, o da mecánica cuántica, o de Schrödinger: existes e ao mesmo tempo non, na literatura. Non te preocupes, a Emily –que tamén tiña gatos da súa irmá Lavinia- Dickinson pasoulle algo parecido. Era como unha astronauta soa na base dun exoplaneta. En realidade pasoulle a moitos. De tanto observar galaxias nas noites tamén quedou un pouco ás escuras Ferrín [refírome a Antonia, a primeira astrónoma galega e oficialmente española, Antonia Ferrín Moreiras]. É normal, é lóxico, que significa normal, que significa lóxico, se queres escribe algo, un dos teus artigos, sobre iso…

Malia que por moito que o fagas
tampouco, neniña,
tampouco vas ser escritora.
Serás sempre –sempre- outra cousa.

Igual a outra cousa é mellor.
Alégrate e baila, Eduarda.
[De tanto querer dar coa palabra
a palabra deu antes contigo]

A túa amiga e irmá que te adora, Nicanora

Estíbaliz…Espinosa

tumblr_ok8x4yIxR31qz6f9yo6_1280.jpg

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: