
Teño unha amiga que xoga ao póquer; un amigo que coordina unha ONG; outro que traballou de boy; outra que cambiou a vida urbana pola rural nunha casa con framboesas dende a que se ve Monçao; teño un amigo topógrafo que me leva a ver a neve e pensa silabicamente en haikus; teño un irmán que le sempre o axeitado; teño un amigo que viaxou a Xapón; teño un amigo cun pseudónimo; coñezo a un suicida; coñezo a dous; teño dous amigos pintores; teño un ex-compañeiro de facultade croupier; teño unha amiga produtora de teatro en Madrid; teño unha nai que se parecía a Romy Schneider, pero en forte; teño unha amiga que fuma Van Holden; teño unha amiga que nestes intres pode que estea na India ou en Italia; teño unha amiga cun can; teño unha amiga con dous gatos; teño unha amiga namorada.
Algúns deles pode ata que coincidan na mesma persoa.
Envéxoos a case todos. Por iso amoréoos a todos aquí, con fruición de coleccionista, para contemplalos dende este 0100011110110 mentres unha luz cae cientificamente sobre a miña condición mortal de non-figura literaria.