naviz felidal

A editorial DVD pedíume que colaborase na súa páxina web cunhas antifelicitacións navideñas que irán pendurando ao longo dos vindeiros días celebraticios.

Non son moi de Christmas carols malia, por levar a contra, estas festas non me disgustan: gústanme a neve, o inverno, os beléns, as luces, as estrelas de Oriente, os mazapáns e o ouropel das árbores. Desprezo os papanoeis polo parecido fonético á palabra papanatas. Gústanme os agasallos pequenos. Cos grandes non sei que facer. Recoñezo que pasado o día 31 estas ferias volven insoportablemente decadentes, se cadra porque levan xa máis dun mes en apoxeo, e non hai nada -nada- que saia indemne dun apoxeo.

Divírteme ver a xente estúpida e malvada facéndose a boa. A caritativa.

E gústame verme nos ollos de Y tocando unha pandeireta de plástico verde dos meus 3 anos, dentro dun tempo seus.

Á web da editorial DVD mandei este texto, traducido ao castelán:

Neve sobre cacharelas de San Xoán. Visgo contra a sida na lapela. Disfraz de camelo real. Baltasar nadando a braza na praia das Catedrais, 30º. Papa Noel de penitente en via crucis, con látego de sete colas. Astenia primaveral en Belén. Olentzero e mailo Apalpador brindando con cava. Uvas do val do Jerte. Peliqueiros de Laza azoutando con grilandas. Virxe alérxica ao pole. Herodes de magosto en Ourense. Caganer sorprendido en medio do Walpurgis. Melchor na tomatina. Gaspar na Oktoberfest. Anxiños con cabeza de cabaza. Ouro, incenso, un libro e unha rosa. Xesusiño no globo de Betanzos. Mula declarándose a Boi por San Valentín.

Festas. Festas. Festas. Sempre e cando -e como- un as queira.

Naviz Felidal.

vodaaa1
do Leandro Lamas

3 pensamentos sobre “naviz felidal

  1. Como sabe vostede que brindamos com cava?
    A verdade é que esse dia, acavamo-nos todas as botelhas de cava que tinhamos, mais algumhas de pacharam e outras quantas de licor-café.
    Que festa!!!
    O Olentzero, Olentz para os amigos, é um tipo genial. E como aguanta bebendo o condenado!

  2. Sei que brindaron con cava, Apalpador, porque a fórmula Olentzero+ cava + Apalpador dá como resultado un galeusca.

    Simple química orgánica.

    Tráiame moitas cousas, Apalpador, e prometo…prometo…prometo son ser materialista capitalista nunca máis.

  3. Srta estíbaliz, para o Galeusca, resulta im-pres-cin-dí-vel um caganet. Mas como companheiros de troulas… nom é tam bom como o Olentz.

    Remate vostede o ano portando-se bem, e seguro que terá umha cheia de presentes.

    Capitalismo? Nunca Mais!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: