un estado de cousas mutante [conclusións precipitadas sobre lei e piratería]

Conclusións sobre lei e piratería:

1.- Como broma, o anteproxecto estivo ben. Agora cómpre beber un groliño de auga e recuar un chisco

2.- Ai de quen se meta con Internet e o seu sacro dominio de “cultura democrática e para todos”, sobre todo eses que tanto amamos amades a cultura. A que vai con c maiúsculo.

3.- En 5 anos a música remata, chantaxea emocionalmente L.E. Aute. Memento Bécquer: poderá non haber industria musical pero sempre haberá melodía.

4.- Nunca tería pensado que por escribir nun blog pertencería a un lobby e con influencias no Ministerio de Cultura. Nin soñaría con iso sendo escritoriña sen máis. Agora xa podo seguir gañando unha miseria e malvivindo do que escribo, pero está en disposición de descargalo ata quen non queira. Xa non hei suplicarlle a ninguén, a ningunha polla en concreto, que louve por aí a miña valía. Podo penduralo eu mesma. Isto non sei se é perigoso. Si sei que é hipersaturable.

5.- Queda claro que a música e a literatura son dous estamentos diferentes de cultura.

6.- A cuestión non tomará outro cariz se pensamos que, como todo o que tende á sobresaturación – a poboación de lemmings, por exemplo- existe un mecanismo misterioso de autorregulación?: e se a cultura actual e postpostmoderna necesita suicidarse un pouco e elixiu internet para o seppuku? E se non se trata dun sepukku senón dun striptease e dun revestirse, en definitiva dunha metamorfose? Ou acción mutante?

7.- Espero non ter que escoitar que son tecnófoba. Amo a tecnoloxía que me toca vivir. Amo internet por todo isto que está desbrozando, por remexedor literario, por cicuta cultural. A máxima provocación contra as ideas sublimadas de creación e orixinalidade e obra única nace de internet, o multirreprodutor por excelencia na era da reprodutibilidade técnica. Reproduce ata o que non existe. A Internet Ilusionista, a Internet prestidixitadora, a Internet replicante, a Internet Nexus-6 que volve os seus ollos inmisericordes ao seu creador…

8.- Esquezamos un intre as demagoxias populistas de internet [internet é para todos, internet é liberdade]. Que opinan de todo isto os bloggers mauritanos?

9.- Os músicos non somos uns chorizos, di Loquillo. El en concreto non sei. Ora ben, eu coñezo moitos que non o son en absoluto, dende logo que non. Ata cantan na ducha e compoñen harmonías só polo vicio de teren algo na boca!

10.- Os músicos non sodes chourizos, Loquillo. Os músicos sodes demasiados.

11.- Os blogueiros. Tamén. Tamén sodes demasiados.

12.- Os escritores, os cineastas…Tanta cultura, de non matarnos, farános máis fortes.

13.-O caso é que ninguén pensa nos pobres músicos [nota bene: son cantante], que o son todos de vocación, de amor e fruición pola música, ningún deles deixouse caer polo mundillo osmando forrarse ou foder a saco, son, somos, todos tan amantes da música e do cine como os miles de monxes medievais amantes de deus e a castidade. Seica se a música deixase de ser un negocio tan rendible pasaría como no seo da igrexa: unha crise de vocacións. Seica. A todo isto: era a música antes de toda esta revolta un negocio tan rendible? Como a construción, o narcotráfico ou a política de estado… Érao? Parva de min, que crin que se trataba dun bluf cunha oligarquía visible e millóns de aspirantes a sobrevivindo da produción musical, a docencia musical, o axeonllamento musical. Será que a música tivo a mala sorte de toparse cunha tecnoloxía capaz de reproducila e intercambiala ata o infinito? Que pasará cando nós mesmos sexamos reproducibles e intercambiables ata o infinito, cando me poida descargar da rede os lectores e coetáneos que me pete? Onde fica a espiña dorsal de todo isto: a sublime noción de creación?

14.- Os amantes da cultura… nin na Grecia de Pericles, nin na España dos Austrias menores, nin na China dos Tang floreceu tanto intelectual e tanto amante. Vivimos nun estado de gracia cultural permanente. Pemitídeme ser escéptica co que me dá de senvivir un segundo antes antes de me rendir ao entusiasmo e a bacanal.

15.- Viva a cultura libre se iso significa que a cultura do de sempre rematou [?] [achtung: demagoxia? Si?]

16.- Pero daquela, lampantina, quen vai vivir da cultura? Como raio se fai agora para vivirmos da cultura? Para dignificar o oficio, a artesanía mimosa do escritor, por exemplo? Se ninguén paga un euro polo que escribes pero todo cristo acode a iso como a un manancial de fresca sabedoría… que?

17.- Que fago agora co homúnculo coa mullércula [?¿]… co tubérculo de creatividade individualista que levo alimentando dende que tiña 6 ou 7 anos coa secreta esperanza de ser eu unha Escritora? Onde van parar agora o individualismo e a autorreferencialidade, agora que as ideas flúen a 100 xigas por segundo, agora que as miñas ideas e os meus universos xa corriscan e coruscan dun cerebro a outro ata o punto de que non sei se son meus ou de calquera? A rede servía para protexernos das caídas nos nosos saltos no trapecio ou para pescarnos como a atúns? Ou para cazar as moscas do atavismo cultural e do aproveitamento dos que contan con máis gramos de ambición que de talento?

18.- A ambición e o talento. É un talento a ambición? É un talento o oportunismo? É un talento posicionarse no mapamundi culturetas do momento? Pensemos.

19.- Viva a ciencia. Viva a literatura. Viva a ciencia-ficción. Viva todo o que está acontecendo. Viva a disrupción de internet no mundo da rancia cultura. Acabemos coas formas esclerosadas, necrosadas de cultura: a prensa engolada, o televisión autofáxica e penosa, a radio … [non, a radio non!], os mi[ni]sterios de cultura. A cultura é unha actualización do  twitter [titular para xornalista espilido].

20.- Estou expectante.

21.- A cultura non sei se nos necesita a nós. Si teño claro que nesta conxuntura necesita a internet e que internet, á súa vez, necesita contidos máis peneirados. As sacudidas de algo que se constrúe entre moitos e un só, a cultura subcutánea, todo o magma que circula pola rede quitando o 90% de cultura-lixo, as pelis de culto, a música de culto, a literatura de culto, a información de culto, a ciencia de culto, o pulp de culto, o porno de culto, o culto oculto, as relacións morbosas con xente que non coñecerás nunca, as mascaradas, as dobres personalidades, as creacións colectivas ou a partir da colectividade, o geekismo, o cosmonautismo, a deslocalización, a ruptura da hexemonía centro-periferia, a resistencia [polo de agora] á institucionalización, as labazadas unha tras doutra ás leis do mercado, as labazadas ao romantismo barato e o concepto de autor, a monstruosidade, internet é o noso monstro que nos devolve o rostro dunha cultura que se desfigura, que muta e nos invade, unha cultura que non existe para dar cartos [ou non só] senón para infectarte, para deixar sitio ao que non ten sitio, a cultura bizarra e gonza e radiactiva, a que tamén quere, coma toda cousa orgánica, prevalecer.

Internet é o noso monstro querido. Agora, a achantar con el.

22.- Sentímolo moito polos que elixiron os vellos medios para perpetuarse, forrarse ou promocionarse. Agora só teñen que correr un pouco para se internaren aquí e poñerse á altura de seguir sendo culturalmente modernos. Internet é unha aposta. As leis das apostas fannas as casas de apostas, non os ministerios de cultura nin os medios de comunicación analóxicos.

23.- Internet xa é futurística. Xa é cousa do futuro. Estamos ante un novo paradigma que tamén precisa ser lexislado  porque socava nocións moi ancoradas: como podemos aspirar a que a cultura se recoñeza e se valore? É ese o obxectivo dalgúns que defenden a normativa ministerial? Como podemos aspirar a que a cultura deixe de manexar un discurso bempensante e común que lucra a xentes que non se interesan pola cultura senón polo resplandor dourado de poder de proporciona, o tráfico de influencias, o posicionamento no mercado de almas-con-afán-de-salvarse -da miseria-acultural? É ese o obxectivo de todos os que asinan o manifesto de internet? Está claro que non pode haber maniqueísmos aquí porque as nocións de cultura e de cambio de paradigma que se sosteñen non son idénticas para todos. De que tipo de cultura estamos a falar?

Coma todas, esta é unha lista aberta…

.

.

.


4 pensamentos sobre “un estado de cousas mutante [conclusións precipitadas sobre lei e piratería]

  1. amén, amamos, amaremos¡¡preciosista forma de revindicar a liberdade creativa, valeira do material, e chea de dignidade¡

  2. valeira de que material?

    Tomo preciosista como un afago, porque contido presupoño que xa ten o que escribín. Só as ideas soliviantan así. Nunca o simple preciosismo.

  3. Por suposto que é un afago a o contido.Preciosista e como un arquivo adxunto que engado o teu desglose sobre a lei e pirateria.
    Creación dende as entrañas non dende o bolsillo(mundo material) non sei se quedou claro.Parabens¡

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: