Sedíame eu traballando nun texto intitulado Glissando cara á levitación universal cando recibín o último de Pablo Gallo, unha micrometraxe que aúna tres das cousas que sempre arelei [lorelei] facer nesta vida: beber dun botixo, levitar e penetrar nas entrañas dun aeroxerador. E é por iso que o odiamos, a Pablo Gallo, é por iso. E por iso é que o mataremos a Pablo Gallo, entre todos, con axuda da nosa mezquindade absoluta, e silenciarémolo a Pablo Gallo para que non diga máis nada, nin beba máis dese botixo nin coma desa sopa nin lea dese libro, Pablo Gallo, nin empuñe unha brocha con aire de batuta nin teclee un teclado con aire de celesta, nin máis nunca máis nada, Pablo Gallo.
Vexan aquí a Pablo Gallo, en exclusiva antes da súa execución pública.
Velaí [voilà] o glissando:
Glissando cara á levitación universal
Oh, veña, levitemos. Deixémonos de bromas. Imos alá.
É agora que o aire da noite deslumbra coa calidez dun flash,
os aeroxeradores transforman cada alento en enerxía pura
varios metros por enriba da noite do noso cra
cra
cranio.
Somos fermosos, fortes coma retroproxectores.
Nada detén o noso pulo de ser textos
de querermos, despegamos os pés do po do chan
-coa súa forma de páxina cero-
os brazos ao longo dos nosos corpos
violonchelaicos
sen ás alla da Vinci sen lévedo sen nike air.
Fartos estamos da ortopedia. Debemos levitar
por maldita xustiza cósmica! Porque tras tres millóns de anos
deixando pegadas sobre os camiños
o asfalto fresco
as cinzas dos volcáns que sepultaron aos nosos
e as corgas de neve polas que nos persegue o malo
xa está ben.
Xa nos vai tocando.
Xa aletean os nosos talóns, os nosos herméticos nocellos
xa nos sobe un livianísimo rubor polas arterias.
-oh, san Helio asístenos; oh, santa Valquiria!-
Oh, que contentos nos achamos e á vez,
mercuriosos e saturnantes. Cara a onde dirixir os nosos pasos
que xa máis nunca serán pasos
senón un sopro suave sobre a herba fresca
un remuíño binario sobre sobrancellados muros
unha risiña invisible sobre unha lei de fronteiras.
Enerxía escura cos zapatos colgados ao pescozo.
Semella tan doado coma morrer. Pero antes
levitemos,
materia con materia e todo é enerxía.
Olla para nós. Xa lonxe desta folla
e da túa mandíbula que saliva un pouco.
Apenas xa un puntiño no horizonte de sucesos.
Unha fusa en fuga nun glissando de, ah, harpa.
Como humanos mereciámolo.
E era tan fácil. Onde imos?
O mundo é noso, as páxinas en branco sono tamén:
materia clara para a nosa fugaz materia escura.
Vinde connosco. Oh e mil veces oh. Cara a onde,
a onde
cara a onde imos?
Estíbaliz…Espinosa, 2010 en papel a punto de

E velaquí a música que o outro día a Sinfónica de Galicia tocou na praza -arpa, chelos e chaikovskis ripando todos a fibra sensiblemente intestinal do público- e que me provocou unha insoportable morriña de cantar novamente no Coro. Só os impuros de corazón non levitaron con esa propina do programa. Permítanme o chauvinismo: tiñan que ter escoitado á arpista -adóroa- e aos cellos -adóroos- desa orquestra en concreto. Desa provinciana e milagrosa orquestra.
Xa te lin -Orama e Zoom. Textos biónicos. Admiro moito cómo escribes e querería saber se vas publicar algo nos próximos meses. Gracias!!!
D. V.: hai un libro de poemas que -creo- rematei hai moitos meses. Non mirei aínda para publicalo. Publicar é doloroso. Polo menos, en papel.