aleito

Retomo un vello texto dos tempos do leite, ano 2007,  [aquí] e publícoo de novo logo de varialo un pouco.

Aleito nas Médulas, decembro 2006

/ aleito /

I

Aléitote no alto, meu neno/ e somos/ un átomo de leite que non existe/ unha formación impura de cristal de leite/ leite dende as Médulas do mundo /cara a succión suave do misterio que dá sede.

Canto máis che dou a beber, máis sede teño.
Dilatadas as meniñas. Dilatadas por deleite.

Sede sedante/ sede sedentes / galactosas como glándulas de neve /as Médulas do mundo erosiónanse de cu para nós/ remoen pedra gra con ouro fino / baixo os berros dun xeneral romano / muxen lípidos da suor de catro mil escravos / casoupas de lactosa que volven a nós na area rubia/ a pobreza e a avareza dándose a man a estas alturas/ ave/ avemaria gra/ -e moi por dentro nos alasa o aluvión/ entre pebidas de calcio e vasculares vías lácteas
a chorros
leite vai
a chorros
arrorró, meu neno
arrorró, meu rei-
tia plena

a cho fructus ventris tui
rros

II
Resistimos ti e máis eu coma medulios
reexistimos
furados de intemperie, que calquera nos di nada
zurcidos a esta especie que succiona de si mesma con cobiza.

Aléitote, meu neno, e reconcílio
me coa razón animal e o instinto humano
déixome ir nesa engrenaxe
déixome ire
bebo os ventos
osmando do saber dunha nutriz de hai mil astros
esa que arde e drena adrenalina branca
e despexa ao fin as incógnitas da fame

ora
pro
no

Díptico de Melun, de Jean Fouquet

III
Teta sen explicación, virxe do leite, explícame as túas gretas.
Pero calas, porque así o quixo Jean Fouquet no díptico de Melun
a túa teta é o planeta e o teu neno non nos quere
ben que se lle nota
e amosas a biosfera con mastite sobre un rachón de seda azul
Azul clariño.

Pale blue tit.

Ao outro lado do lenzo, nós.
Aleito cada leito e ínzome de graxa
serei un sil, serei un eume
euquémesei
mater nostra
beta-galactopiranosa + beta- glucopiranosa
unha masa de auga administrada por Plinio o Vello
máis un pouco de zucre por aquí
matrioshka de moloko por alá
e a bágoa de Borenia, a ondina, na cinsa do costro.

E ti, baleato, nadas canda min e en min por fóra
somos proteos e formamos euquesei
pura proteína que somos
baixo un sol adicto a nobis.

Ubre et orbi. Amamantar
é pasar polas animais todas:
as que nun kai en te óra  se abren de patas contra o sol
antes de deitar un leite póstumo que ha esfamear nelas.
Leoas secas xunta vacas cachenas
madonnas porcas celtas comestas pola raiba
cadela de palleiro
camela bereber
dánse a beber
abertas plataformas de cru
chapapote de óleo beige, marmelada de perlas
red hot mother’s milk
sobre listas e listas de criaturas que se extinguen.
Listas ordenadas de especies listas para nada.

Mamás que aleitan cadaleitos. Por dar algo.
Por darse sede. Sede. Virxe da sede.

Virxe abrideira de Allariz no marfín dun mamut amen
azado.
O frío na medula: iso ha ser unha especie sentenzada.
O leite gris. Meu neno. Miña cría.
Cachorro, vive por sempre
Taxón, non nos traizoes.

IV
Medulas con neve. Espiñas dorsais que se resisten.
O noso leite non é noso, rapaces.
Pero, cuxo ti de min, o meu é cousa túa.
É cousa túa
túa túa.

Aléitote no alto, meu neno
e formamos
un átomo de leite que non cría
un enlace impuro de cristais de leite
leite dende as Médulas do mundo
cara a succión suave desta sede que dá vida

xaneiro, 2007

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: