Dende hoxe penduro en pdf para quen queira ver, ler ou descargar papel a punto de, un poemario que se publicou traducido a castelán en 2011 por El Gaviero Ediciones e que nunca se publicara ao completo en galego -si moitos dos seus textos en revistas, blogs ou libros colectivos-.
Para a cuberta, o artista Thomas Allen brindoume permiso para usar unha das súas marabillas fotográficas a partir de recortes vintage e pulp, Drawstring. Unha imaxe que tece a perspectiva fabulosa dun interior de libro: muller a desanobelar un fío que sae do planisferio celeste. Un xeito figurado de conectar íntimo e cósmico que, imaxino, moitos escritores anhelamos.
No interior atoparedes tamén un debuxo cedido para a ocasión polo xenial Pablo Gallo. Un de PJ Harvey con paxaro que atoparedes na páxina 52.
E, polo demais, palabras sen tinta, palabras sen tinta e palabras sen tinta.